Esta semana o grupo de traballo de implantación celebrou unha reunión, na que, entre outros temas, se abordou a uniformidade de datos da pegada de carbono e a análise do estado de situación dos proxectos tractores das áreas sanitarias

O Servizo Galego de Saúde comeza cos primeiros proxectos da súa Estratexia de Economía Circular 2030

Un comité de 20 especialistas será o encargado de desenvolver durante os vindeiros seis anos a estratexia que situará Galicia na vangarda da protección do medio ambiente

Entre os obxectivos concretos está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata 2030, o equivalente a plantar máis de un millón de árbores

A Estratexia de Economía Circular 2030 aposta por usar materiais sostibles nas instalacións sanitarias, diminuír os refugallos, acadar procesos asistenciais máis sustentables e promover o consumo responsable na poboación

O departamento sanitario galego é pioneiro en participar en programas internacionais para impulsar a construción de centros sanitarios sostibles ou acadar as cero emisións de carbono no 2040

Santiago de Compostela, 28 maio de 2024

Situar a sanidade galega na vangarda da protección do medio ambiente é o obxectivo da Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde 2030, que acaba de poñer en marcha os seus primeiros proxectos.

O grupo de traballo de implantación vén de celebrar esta semana unha nova xuntanza na que se abordaron, entre outros asuntos, a uniformidade de datos da pegada de carbono que se achegarán ás Nacións Unidas e ao Ministerio de Sanidade pola carreira cara ao cero, así como a análise do estado de situación dos proxectos tractores das áreas sanitarias.

O grupo de traballo de implantación, formado por 20 especialistas, deseñou a folla de ruta desta estratexia para os vindeiros seis anos, centrada na análise da pegada de carbono e futura tendencia á descarbonización; nos proxectos tractores das áreas sanitarias como o Life Resystal CHUO, Interreg de Eficiencia energética CHUS, Coolfood Pledge Coruña-Vigo e Mentoring Low Carbon Lugo;  e na translación a Galicia da New European Bauhaus, coordinada desde a empresa pública de servizos sanitarios Galaria, con iniciativas como a construción dunha “cabana terapéutica” no Hospital Álvaro Cunqueiro.

A Estratexia busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sustentabilidade. Unha serie de medidas que permitirán aforrar custos, acadar unha maior eficiencia e diminuír as emisións en todas as instalacións sanitarias.

Entre os obxectivos concretos está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata 2030, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores.

Sinalar, así mesmo, que a Estratexia inclúe diferentes medidas como a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles, o ecodeseño de procesos asistenciais, o fomento da investigación en I+D neste eido ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores.

Primeiros pasos

O grupo de traballo interdisciplinar será o encargado de identificar, analizar, revisar procesos e áreas de mellora, así como de propoñer medidas e solucións concretas para optimizar recursos e gañar en eficiencia enerxética e ambiental. A formación, a docencia, a investigación e a colaboración en rede con outras entidades do ecosistema europeo complementarán a misión deste grupo de persoas expertas.

Galicia, pioneira en participar en proxectos internacionais sustentables

O sistema sanitario galego conta cunha ampla experiencia en materia de sostibilidade. De feito, é pioneiro e un referente ao participar en diferentes iniciativas internacionais. Ao respecto, o Servizo Galego de Saúde é o único sistema sanitario europeo que participa como socio na Nueva Bauhaus Europea -un proxecto que aposta polas construcións sostibles para mellorar a calidade de vida – e non hai ningunha outra administración sanitaria española involucrada nun proxecto da ONU para intentar acadar as cero emisións de carbono nas instalacións sanitarias en 2040.

Ademais, a sanidade galega ten en marcha outros programas para a redución de uso de plásticos nos centros hospitalarios ou as emisións de gases á atmosfera que provoca o sistema de anestesia das intervencións cirúrxicas.

Data de actualización: 28/05/2024