Belén do Campo e Marisol Díaz participan no XI Aniversario da Declaración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

A delegada territorial destacou que neste espazo se cumpre o grande obxectivo dunha reserva da biosfera, que é conseguir harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social do territorio

Oleiros (A Coruña), 27 de maio de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participaron hoxe no acto de celebración do XI Aniversario da Declaración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A delegada da Xunta destacou que “desde o seu recoñecemento como Reserva da Biosfera pola Unesco, en 2013, os 17 concellos que conforman a reserva comezaron a avanzar no camiño da calidade e a mellora da competitividade sobre todo a través dun elemento que é interesante destacar: a diferenciación da oferta turística, dos servizos e dos  produtos alimentarios da zona coa creación dunha marca propia”.

A representante do Goberno autonómico apuntou que este espazo é “un exemplo de destino sustentable no que se cumpre perfectamente o obxectivo dunha reserva da biosfera: o de conseguir harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social do territorio, apostando por unha economía baseada nunha relación de equilibrio entre as persoas e a natureza”.

Belén do Campo agradeceu a todo o equipo que traballa para preservar e poñer en valor este espazo protexido -cun consello de dirección presidido polo Concello de Abegondo e polo seu alcalde, José Antonio Santiso Miramontes- o grande esforzo que fan cada día para seguir innovando e buscando novas oportunidades. “A Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é un símbolo do que podemos lograr cando traballamos xuntos por un obxectivo común”, concluíu a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024