O presidente da Xunta participou nun foro de ‘La Voz de Galicia’ sobre a folla de ruta do Goberno galego ata 2030

Rueda aposta por converter Galicia nun polo de atracción de investimentos e aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas industrias

Salienta a importancia de tomar “medidas valentes e consecuentes” e ofrecer “estabilidade e confianza” ao tecido empresarial

Destaca que a Xunta traballa para seguir avanzando na axilización e simplificación administrativa das tramitacións

Galicia conta con sete iniciativas declaradas Proxectos Industriais Estratéxicos que suman un investimento de 2.000 M€ e case 3.700 empregos

Pon en valor que o Goberno autonómico “xa está cumprindo” os obxectivos prioritarios marcados para os 100 primeiros días de Goberno

Arteixo (A Coruña), 28 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por consolidar a Galicia como un polo de atracción de investimentos e aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas industrias co obxectivo de xerar riqueza, emprego e prosperidade de cara o futuro. “Temos unha oportunidade en sectores que van ser punteiros e tamén hai que manter sectores tradicionais dun alto valor coma o primario ou o comercio. A Xunta non vai deixar marchar as oportunidades”, indicou.

Así o explicou hoxe durante a súa participación nun foro organizado por La Voz de Galicia baixo o título Cumprir cos compromisos. A folla de ruta da Xunta para 2030. Alí, abundou na importancia de tomar medidas “valentes e consecuentes” para que Galicia ocupe unha posición de liderado nun escenario tan competitivo como o actual e manter “a estabilidade e confianza” que ofrece a comunidade aos potenciais investidores.

Para conseguilo, citou algunhas das medidas que está poñendo en marcha a Xunta, como a Oficina económica de Galicia, que exercerá como unha canle única e prestará un soporte personalizado; a axilización e simplificación administrativa da tramitación, co compromiso de tramitar no prazo dun ano os proxectos de máis envergadura; ou a Oficina de Coordinación Económica para facer seguimento dos proxectos estratéxicos na comunidade.

Neste sentido, fixo referencia aos Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE). Actualmente, contan con esa declaración un total de sete, que suman un investimento de preto de 2.000 millóns de euros e case 3.700 empregos. 

Ademais, apostou por seguir impulsando a transición enerxética e aproveitar as potencialidades de Galicia neste campo. “Temos que aproveitar a nosa posición xeoestratéxica, estar ao lado do mar, ter vento...”, indicou Rueda. Neste eido, a Xunta está traballando con dúas ferramentas para garantir que os beneficios ambientais, sociais e económicos destes proxectos queden aquí: a sociedade Recursos de Galicia ou a futura Lei de Recursos Naturais.

Galicia cumpre

Na súa intervención, Rueda destacou que para a Galicia do futuro é tamén importante que se vaian cumprindo os fitos marcados. Neste sentido, puxo en valor que a Xunta “xa está cumprindo” as medidas fixadas como prioritarias “para estes 100 primeiros cen días de Goberno”. Referiuse a iniciativas como a matrícula universitaria gratuíta, que estará en vigor en setembro; o impulso de 1.000 prazas públicas de residencia, centros de día e discapacidade; a ampliación da fecundación in vitro; ou a construción de novas vivendas públicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2024