A Xunta demandará ao Ministerio de Facenda axilidade na devolución do IVE pendente a persoal gandeiro

A conselleira do Medio Rural reuniuse estes días con representantes de Unións Agrarias e da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), cos que tratou esta cuestión, así como outros temas de interese para o sector  

Estas reunións enmárcanse nos encontros con axentes do sector que está mantendo a titular da Consellería para reforzar as vías de colaboración 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse con representantes de Unións Agrarias e da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), con quen tratou temas de interese común. Entre eles, a devolución do IVE pendente aos gandeiros e gandeiras que deriva especificamente da compra de pensos, enerxía, reparacións, combustibles ou investimentos, cuxa axilidade demandará a propia Xunta de Galicia ante o Ministerio de Facenda vía misiva.

Cómpre ter en conta que este trámite, que nalgún caso está pendente incluso desde 2022, é de vital importancia para garantir a viabilidade económica de moitas explotacións, sobre todo daquelas que realizaron un importante esforzo ao acollerse a plans de mellora ou outras iniciativas de modernización. Deste xeito, Medio Rural urxirá ao Ministerio a devolver non só o IVE de 2023, senón tamén aquel doutras anualidades, cos conseguintes intereses.

Esta demanda é compartida tanto por ASAGA como por Unións Agrarias, tal e como lle manifestaron á conselleira, en cadansúa reunión, o presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello; así como o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que estivo acompañado doutros membros da entidade.

A titular do Medio Rural manifestou o seu compromiso de reforzar as vías de colaboración con ambas organizacións naqueles asuntos que son de importancia para o campo galego, baixo o obxectivo último de defender sempre os intereses dos profesionais dos diferentes ámbitos produtivos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024