A Xunta destina 145.000 euros a programas de envellecemento activo en Pereiro de Aguiar e Riotorto

O obxectivo é previr situacións de dependencia e favorecer unha vida saudable

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

O Consello da Xunta deu conta hoxe de dous convenios de colaboración cos concellos de Pereiro de Aguiar (Ourense) e Riotorto (Lugo) para dar continuidade ao desenvolvemento de programas de envellecemento activo e saudable. A Consellería de Política Social e Igualdade destinará 145.000 euros a financiar as actividades neste ámbito que ao longo deste ano se realicen nestas localidades a través dos seus servizos sociais comunitarios e coas que se prevé chegar a máis de 300 veciños.

O obxectivo destes acordos é previr situacións de dependencia e facilitar unha vida activa. Neste sentido, a Xunta colabora con distintos concellos, en especial os de carácter máis rural e de menor poboación, para facilitar ás persoas maiores que viven neles alternativas para o seu tempo libre, tales como: actividades de ximnasia, de ocio e lecer, cursos e charlas informativas ou obradoiros artísticos, entre outras.

Ademais do financiamento de programas de envellecemento activo e saudable, outras iniciativas que a Xunta pon á disposición dos maiores para que desfruten desta etapa das súas vidas son, por exemplo: Benestar en Balnearios, Xuntos polo Nadal ou as Aulas Sénior.

Data de actualización: 27/05/2024