O presidente da Xunta asiste á entrega do XI Premio da Excelencia Empresarial do Club Financeiro de Santiago

Rueda destaca a importancia de que Galicia non quede ao marxe das novas oportunidades empresariais que xorden grazas a gran transformación que está a vivir a industria

Resalta que a comunidade ofrece un marco político, administrativo e legal estable que da garantías e certezas aos empresarios

Salienta que a Xunta aposta por atraer novos investimentos con incentivos fiscais, facilidades para acceder ao solo industrial ou cun plan para reducir a burocracia e os prazos dos trámites para poñer en marcha un proxecto

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde que o tecido empresarial da comunidade practica un galeguismo de feitos, compromisos e realidade que axuda a construír a Galicia do presente e do futuro.

Durante o acto de entrega do XI Premio da Excelencia Empresarial -que outorga o Club Financeiro de Santiago-, o titular do Goberno galego recoñeceu que Galicia conta con numerosas empresas excelentes en diferentes eidos, pero lembrou que a aposta da Xunta é seguir atraendo novos investimentos á comunidade.

Rueda salientou que Galicia ofrece un marco político, administrativo e legal estable e que ofrece garantías e certezas aos potenciais investidores. Nesta liña, destacou algunhas das medidas que ten en marcha a Xunta para apoiar ao tecido empresarial como a creación da Oficina Económica de Galicia -para reducir a burocracia á hora de poñer en marcha un proxecto e acurtar os prazos dos trámites-, medidas de carácter tributario ou facilidades para acceder ao solo industrial.

Ademais o presidente, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que o sector empresarial e industrial está a vivir unha gran transformación na que xorden novas oportunidades e na que Galicia non pode quedar ao marxe.

Premio á excelencia

O titular do Goberno autonómico resaltou o compromiso social, a capacidade de adaptación e o traballo constante da directiva de Limpezas Salgado que é a compañía galardoada nesta edición pola súa excelencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024