Rueda anuncia que a Xunta incorpora sete novas patoloxías ao sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias

Salienta que se eleva a 115 as patoloxías graves nas que os pacientes teñen garantido o acceso “a unha primeira consulta ou proba en 45 días” e unha cirurxía “nun máximo de 60 días”

O conselleiro de Sanidade destaca que se incluirán “tres patoloxías relacionadas coa saúde das mulleres” (neoplasia maligna de útero, displasia de colo uterino e displasia vulvar leve e moderada), así como “catro tipos de linfomas”

Igualmente, no ámbito da atención na lesións potencialmente malignas do aparello reprodutor feminino, garántese as primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas programadas e non urxentes relacionadas coa vía rápida de cancro de endometrio

A previsión é que 2.000 pacientes se beneficien ao ano desta ampliación no número de patoloxías

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

O presidente a Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou a actualización do decreto mediante o que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas para “incorporar sete novas patoloxías”. Deste xeito, segundo explicou, “serán 115 as enfermidades” nas que os pacientes teñan garantido por lei “o acceso a unha primeira consulta ou proba diagnóstica en 45 días e a unha cirurxía nun máximo de 60”.

O decreto de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas entrou en vigor en 2018. Despois destes anos de experiencia, con máis de 293.000 pacientes beneficiados, a Xunta aposta por actualizar este decreto para ampliar as patoloxías recollidas, unha ampliación solicitada, ademais, polo Parlamento de Galicia nunha iniciativa aprobada no 2022 sen ningún voto en contra. “Este decreto é un dos principais logros da sanidade pública galega”, indicou o presidente.

A Xunta incorporará sete patoloxías novas ao sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias, elevando ata 115 o número de enfermidades graves que van ter garantido o acceso a unha primeira consulta de especialista e a unha proba diagnóstica en menos de 45 días, e a unha intervención cirúrxica en menos de 60 días. Con esta ampliación dáse prioridade aos pacientes con patoloxías máis graves ou maior risco de complicación. 

Máis en concreto, tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, incorpóranse “tres patoloxías relacionadas coa saúde das mulleres” (neoplasia maligna de útero, displasia de colo uterino e displasia vulvar leve e moderada), así como “catro tipos de linfomas” (de Hodking, folicular, non folicular, e de células T/NK maduras).

Igualmente, no ámbito da atención ás lesións potencialmente malignas do aparello reprodutor feminino, garántese as primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas programadas e non urxentes relacionadas coa vía rápida de cancro de endometrio (informe anatomopatolóxico da biopsia endometrial, a histeroscopia o TAC e as probas de estadiaxe). 

Como no caso de todas as vías rápidas fixadas (cancro de pulmón, de mama, colorrectal,  próstata, vexiga, de cabeza e colo, melanoma, de endometrio e onco-hematoloxía), o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é non superar unha media de 15 días na atención.

Para a  selección destes novos procedementos tívose en conta a gravidade das patoloxías, así como a efectividade da atención sanitaria e a oportunidade da atención, para, deste xeito, favorecer a recuperación da funcionalidade ou evitar a progresión da enfermidade. “O Sergas vai seguir identificando cales son as prioridades sanitarias da poboación”, indicou o conselleiro.

Pacientes que se beneficiaron desta iniciativa da Xunta 

Desde a entrada en vigor en 2018 do Decreto polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, beneficiáronse 293.382 persoas. 

Cos datos actualizados ata o mes de marzo, atendéronse nos prazos máximos fixados 66.151 persoas para cirurxías, 118.804 en consultas externas e realizáronse 108.427 probas diagnósticas e/ou terapéuticas.

Ata o de agora, as  patoloxías con tempos garantidos eran as patoloxías oncolóxicas malignas, insuficiencia aórtica, aneurismas cerebrais, neoplasias, carcinomas, hidrocefalia ou desprendemento de retina.

Coas  novas incorporacións a previsión é poder beneficiar a outros 2.000 novos pacientes cada ano.

                                          

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024