A Xunta colabora na difusión do patrimonio natural de Vigo a través da obra “Álbum Histórico das Illas Cíes”

A delegada territorial, Ana Ortiz, participou na presentación do libro de Santiago Boado na sede do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Vigo, 27 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este luns na presentación da obra “Álbum Histórico das Illas Cíes”, de Santiago Boado, que contou co apoio do Goberno galego a través de fondos europeos. A representante autonómica destacou o traballo do autor e a colaboración institucional para difundir o patrimonio natural e cultural vigués.

“Esta obra vén precisamente a colaborar na difusión da importancia que ten este arquipélago que protexe a nosa ría e a nosa cidade, un lugar marabilloso cunha historia impresionante”, sinalou durante a presentación celebrada na sede do Parque Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

O escritor Santiago Boado destacou que a obra é un paseo visual polo devir dos tempos nesta xeografía privilexiada. Trátase dun percorrido de imaxes que comeza na Prehistoria ata desembocar no ano 2002, cando as Cíes se integran no Parque Nacional. Así, cos seus textos e a valiosa documentación histórica que acompaña contextualiza o que se coñece sobre os asentamentos humanos establecidos.

Pola súa banda, o director do parque, José Antonio Fernández Bouzas, apuntou que a obra foi realizada tras máis dunha década de traballo de investigación. Durante o acto, o autor amosou unha selección de mapas, debuxos e fotografías, algunhas delas inéditas sobre a historia das Illas Cíes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024