O programa da Xunta para mellorar a resiliencia do Parque Natural do Xurés ante o cambio climático recibe un premio Experiencias inspiradoras de Europarc

Este galardón ten o obxectivo de identificar, documentar e difundir proxectos e iniciativas que aborden os grandes retos de futuro dos espazos naturais protexidos

O Goberno galego levou a cabo unha serie de actuacións de cara a converter este espazo protexido nun laboratorio aberto no que identificar os riscos aos que se enfronta e as posibles opcións para mitigalos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático elixiu este espazo protexido para conmemorar, o pasado venres, o Día Europeo dos Parques Naturais

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

O programa desenvolvido pola Xunta de Galicia de cara a implementar medidas para a mellora da resiliencia do patrimonio natural fronte ao cambio climático no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés vén de recibir un dos premios Experiencias inspiradoras que outorga Europarc, que é o foro profesional das áreas protexidas en España, onde se valoran e elaboran propostas para a mellora dos espazos naturais.

Durante a celebración do XXII Congreso Europarc España, que se celebrou recentemente en Sigüenza (Guadalaxara), a iniciativa posta en marca pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático foi galardoada pola Fundación Fernando González Bernáldez e Europarc na III edición do Premio Experiencias Inspiradoras, á que se presentaron unha trintena de proxectos de toda España.

Este premio, que foi recollido por representantes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ten o obxectivo de identificar, documentar e difundir proxectos e iniciativas que aborden os grandes retos de futuro dos espazos naturais protexidos, identificados no Programa 2030: Cambio global e áreas protexidas, prestando especial atención a aquelas experiencias que afrontan tanto os retos do medio rural como a adaptación ao cambio climático.

Nesa liña, cómpre lembrar que ao longo dos últimos anos o Goberno galego levou a cabo unha serie de actuacións de cara a converter o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés nun laboratorio aberto no que identificar os riscos aos que se enfronta este espazo protexido e as posibles opcións para mitigalos. 

Así, entre outras medidas, estase a desenvolver un banco de xermoplasma, que consiste nunha colección de sementes que permitirá preservar especies da flora en perigo ou con interese de conservación, así como un plan de acción con asociacións e entidades locais, como, por exemplo, as comunidades de montes veciñais en man común, para actuacións de mellora e recuperación de hábitats. E, ademais, tamén se levaron a cabo actuacións para promover unha maior divulgación e sensibilización ambiental da cidadanía.

Visita da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

Cómpre lembrar que este espazo protexido foi elixido pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para conmemorar, o pasado venres, o Día Europeo dos Parques Naturais. Nesa xornada, ademais de percorrer a ruta do río Vilameá a participar na solta de tres miñatos xunto con alumnado do CEIP do Xurés, en Lobios, Ángeles Vázquez tamén visitou o Pozo da Seima, que, cunha fervenza de 15 metros de altura, forma unha piscina natural coas augas do río Salas.

Esta contorna recibiu unha achega de preto de 75.000 euros por parte do Goberno galego, ao abeiro da orde de axudas da Reserva da Biosfera do ano 2022, para, entre outras actuacións, instalar unha pasarela de madeira con escaleiras que permiten salvar o desnivel do terreo ata a fervenza, que conclúe nun miradoiro para contemplar a fervenza. A maiores, tamén se desenvolveron labores de limpeza e roza, traballos de acondicionamento e sinalización do roteiro e tratamentos silvícolas nunhas 11 hectáreas de bosque de frondosas próximas ao pobo e que se rexeneraron naturalmente tras un incendio forestal.

Zona protexida

O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés foi declarado espazo natural protexido en 1993 e abarca case 29.400 hectáreas entre a serra do Xurés e o val do Limia. Repártese entre os concellos de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín e chega ata a fronteira con Portugal, onde limita co parque nacional luso Peneda-Gêres.

De feito, este parque natural ourensán forma parte da Reserva da biosfera transfronteiriza Gêres-Xurés, a única galega destas características e xestionada conxuntamente entre Galicia e o norte de Portugal, que impulsan distintas accións de cooperación transfronteiriza como a recente repoboación de terreos galegos da reserva con piñeiros silvestres ou teixos de alto valor ecolóxico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024