A plataforma Sanidade Mediaverso da Xunta presenta os seus recursos entre o alumnado universitario santiagués na Biblioteca Concepción Arenal

Do 27 ao 31 de maio a Rede Galega de Promoción da Saúde da Consellería de Sanidade explicará entre os estudantes a ferramenta para poñer en práctica hábitos de vida saudables

Disporán de gafas de realidade virtual coa aplicación EnMovemento para reducir o sedentarismo

Facilitaranse códigos QR e pantallas con información sobre os catro eixos propostos: alimentación saudable, actividade física, benestar emocional e evitar condutas aditivas

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2024

A Consellería de Sanidade presentará desde este luns 27, e ata o venres 31 de maio, a plataforma Sanidade Mediaverso entre o alumnado universitario na Biblioteca Concepción Arenal de Santiago de Compostela.

A iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública para promover hábitos de vida saudables será presentada por responsables da Rede Galega de Saúde Pública e por integrantes da rede nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza, da Coruña e Cee e de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Cada día, en horario de 10,00 a 13,00 horas, facilitarán na primeira planta da biblioteca universitaria gafas de realidade virtual para probar a aplicación EnMovemento, coa que se poden practicar exercicios pensados para sesións de adestramento de 5 a 25 minutos, e que poden realizar tanto persoas maiores como a xuventude.

A través dunha pantalla e de códigos QR, tamén se ofrecerá información sobre o resto de opcións que ofrece esta plataforma en catro ámbitos: a mencionada actividade física, a alimentación saudable, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.

Na web están dispoñibles a aplicación Camiña, que permite sumar quilómetros e calcular a equivalencia a etapas do Camiño de Santiago, un planificador semanal de comidas para deseñar menús equilibrados e a lista da compra necesaria, unha selección de vídeos da natureza que facilitan a relaxación, ou recursos para difundir entre as familias a importancia de reducir o uso das pantallas para recuperar o xogo ao aire libre.

 

Data de actualización: 26/05/2024