O conselleiro de Cultura visita o Festival de Cans para compartir co público e a veciñanza o ambiente festivo arredor do audiovisual galego

A Xunta volve contribuír á cita coa convocatoria anual de axudas a festivais audiovisuais, que en 2024 distribúe 300.000 € entre 10 encontros de referencia no sector

A actriz María Vázquez e a directora Sonia Méndez atópanse entre as protagonistas desta penúltima xornada do festival, na que se farán entrega dos galardóns de honra

O Porriño (Pontevedra), 24 de maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitará esta tarde o Festival de Cans para percorrer os diferentes escenarios da aldea do Porriño na que se está a desenvolver esta cita co audiovisual galego e comprobar en directo o ambiente festivo que a caracteriza.

 

O conselleiro levou a cabo esta visita acompañado do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e dunha representación da organización, á que volveu felicitar polo desenvolvemento desta 21ª edición, para a que a Asociación Cultural Arela conta de novo co apoio económico da Xunta de Galicia.

 

En concreto, fóronlle adxudicados 38.000 euros a través da convocatoria anual para festivais do sector, que en 2024 incrementou a súa dotación nun 33% e distribúe 300.000 euros entre 10 eventos. Ademais, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora con este certame coa proxección das curtas gañadoras do concurso Nós tamén creamos, convocado pola Secretaría Xeral da Lingua.

 

Noite das homenaxes

O Festival de Cans, que como cada ano presenta unha moi ampla oferta tanto cinematográfica como musical, concédelle parte do protagonismo desta penúltima xornada á actriz María Vázquez, quen ademais de participar nun coloquio xunto a Tamar Novas, asistirá á colocación da súa estrela no Torreiro de Cans. Faráselle entrega, así mesmo, do Premio Pedigree 2024 no transcurso da Noite das homenaxes, na que Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Luis Davila e Fermina do Pouso recibirán tamén cadanseu Chimpín de Prata.

 

Entre as moitas actividades deste venres, destaca tamén a proxección do filme As Neves, producido con subvención da Xunta e co que Sonia Méndez debuta na dirección de longametraxes. A directora estará presentando a película xunto á produtora Nati Juncal e varios dos seus protagonistas.

 

Lontreira, Combo Paradiso e Discochimpín La Pócima: The Incredible póñenlle música a este penúltimo día de festival, que finalizará mañá despois de ter estreado unha trintena de curtas e longametraxes, entre as numerosas citas programadas este ano.

 

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, apoia tamén o Festival achegando produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada para o xantar do xurado, patrocinadores e outros convidados que terá lugar mañá sábado.

 

Así, aportarase carne da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega, queixos das catro denominacións de orixe protexidas (Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro), castañas da IXP Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Pan Galego e Pan de Cea. Con todo eles elaboraranse os pratos que poderán degustar arredor dun cento de convidados. Ademais, haberá un “fotocol” coas imaxes das experiencias de calidade de Galicia, para que as actrices, os actores e demais personalidades participantes neste evento poidan retratarse coas imaxes e logos dos produtos de calidade diferenciada da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2024