A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, recibiu a representantes do departamento sanitario catalán

Galicia comparte con Cataluña o éxito das súas campañas de vacinación

A Consellería de Sanidade explica o sistema público galego de citas e as facilidades dos distintos puntos de vacinación para acadar os niveis de cobertura máis altos de España

Galicia situouse por riba da media nacional na última campaña da covid en todos os tramos de idade, chegando nalgún grupo a ser de 23 puntos máis

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2024

A Consellería de Sanidade recibiu esta semana a visita de responsables do departamento de saúde catalán, con quen compartiu a experiencia galega e o éxito das campañas de vacinación.

No encontro, Galicia compartiu o seu modelo de coordinación de citas e a loxística das vacinas, a información que se facilita á poboación para animar á vacinación, a xestión do sistema informático para o rexistro da cidadanía que acude a vacinarse e o traballo específico das coordinadoras dos puntos de vacinación masiva en campañas como a da gripe e a covid.

Unha das claves de que Galicia lidere as coberturas vacinais a nivel nacional son as campañas de difusión, con avisos en consulta ou por sms, e as facilidades para responder a ese chamamento en centros de saúde, a domicilio ou, nos casos necesarios, en grandes recintos.

Así, as coberturas de vacinación fronte á covid na última temporada situáronse en todos os tramos de idade en Galicia moi por riba da media nacional, chegando no grupo de persoas de 60-69 anos a ser de 23 puntos máis.

Na xornada de traballo participaron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; a subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro; a xefa de servizo de control de enfermidades transmisibles, Susana Mirás; directoras e subdirectoras de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde como coordinadoras dos puntos de vacinación masiva; e membros da subdirección xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información.

Por parte da delegación catalá, participarán no encontro Laia Pons, da área de Sistemas de Información do Servizo Catalán da Saúde; Montse Martínez, xefa de servizo de Medicina Preventiva da Secretaría de Saúde Pública; e Yolanda Portero, xerente de Innovación Relacional da área de Cidadanía, Innovación e Usuario do CatSalut.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2024