Galicia comparte experiencias e estratexias na promoción dos produtos pesqueiros con Perú

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola directora-xerente da Fundación do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Paloma Rueda, mantivo un encontro cunha delegación do Perú composta polo director de Promoción e Formalización Pesqueira Artesanal, Ricardo Contreras, e do coordinador executivo do Programa Nacional ‘A Comer Peixe’, Félix Fabian no marco do proxecto ‘2023- SANPerú’ que leva a cabo o Cetmar e o Ministerio da Produción do país suramericano.

O obxectivo foi coñecer de primeira man o sector pesqueiro galego e os programas que se desenvolven desde a Xunta de promoción do consumo de peixe e marisco. O responsable autonómico puxo en valor a experiencia acumulada pola comunidade, referente internacional no ámbito pesqueiro, e sinalou a importancia deste tipo de proxectos nos que compartir coñecementos e iniciativas en favor da actividade pesqueira, esencial para a seguridade e soberanía alimentaria das nacións.

O Goberno galego leva anos realizando accións dirixidas a fomentar a presenza dos alimentos mariños na dieta da cidadanía apoiándose na súa variedade, propiedades culinarias e riqueza en nutrientes polo que presenta importantes beneficios para a saúde. Entre as campañas en execución está VAI DE PEIXE dirixida á xente nova e difundida en exclusiva en redes sociais. Tamén GALICIA SABE AMAR, herdeira de O MAR QUE NOS MOVE e de O NOSO MAR, MARCA, que cunha mensaxe fresca e atractiva pon o acento na calidade do produto difundindo a súa mensaxe a través de catro foodtrucks que percorren todo o territorio con novidosas propostas de petiscos de produtos mariños e coa organización de cinco foros con chefs e bloggrs temáticos co fío condutos #ACociñaDoMar. Por último TI SI QUE ES UN BO PEIXE que colleu o relevo da exitosa O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR dirixida aos escolares e que alcanzou desde o 2021 a máis de 14.000 nenos e nenas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/05/2024