A Xunta promove en Lugo a responsabilidade social corporativa a través dunha xornada de concienciación e do programa Responsabilízate

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na última das catro accións programadas este mes para estudantes universitarios, na que puxo en valor o compromiso das firmas galegas coa sustentabilidade

Nesa mesma idea afondou na sede da Asociación de empresarios do Polígono do Ceao e As Gándaras, onde se presentou a 4ª edición do programa Responsabilízate da Xunta que busca impulsar a Responsabilidade Social e á que xa están sumadas 149 empresas

Lugo, 23 de maio de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Lugo na cuarta xornada organizada no marco do ciclo As tendencias ASG e desenvolvemento do talento: aprendendo de referentes en impacto positivo, promovido pola Xunta para sensibilizar a mozos en formación das oportunidades laborais asociadas aos compromisos coa sustentabilidade e a responsabilidade social das empresas. Posteriormente, desprazouse á sede da Asociación de empresarios do Polígono do Ceao e As Gándaras, onde se presentou a 4ª edición do programa Responsabilízate que busca impulsar a Responsabilidade Social entre as pemes galegas.

Na primeira cita, Fernández puxo en valor a Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) 2023-2025 de Galicia que con 174,7 millóns de euros de orzamento está a preparar a Galicia para os retos da economía sustentable e dixitalizada. O secretario xeral defendeu a introdución dos valores e principios da responsabilidade social empresarial na axenda das empresas galegas como mecanismos necesarios para impulsar a súa competitividade, produtividade e crecemento.

A Estratexia comprende 25 accións enmarcadas no eido da empresa, a sociedade e a Administración pública. Pretende, entre outros fins, transformar os modelos de negocio das empresas para que teñan máis oportunidades na economía que vén; apoiar ás empresas para mellorar os seus sistemas de transparencia e atraer e desenvolver talento favorecendo contornas de traballo inclusivas e con solucións innovadoras de impacto social e/ou ambiental.

O ciclo do que forma parte a xornada de hoxe insírese nestes obxectivos, co gallo de sensiblizar aos estudantes acerca da nova realidade e darlles acceso a espazos de comunicación e acceder a boas prácticas que lles poden brindar máis e mellores oportunidades laborais. Antes da de hoxe que tivo lugar en AMSlab, en Lugo, celebráronse outras accións na Coruña, Vilagarcía de Arousa e Carballo.

Programa Responsabilízate

O secretario xeral destacou que a Comunidade galega quere seguir a situarse á vangarda da promoción da Responsabilidade Social Empresarial entre o seu tecido produtivo e asociativo, na Administración e para o conxunto da sociedade. Nese mesmo obxectivo enmárcase o programa Responsabilízate, que acada a súa cuarta edición, e que hoxe se presentaba ante a Asociación de empresarios do Polígono do Ceao e As Gándaras.

O programa, de carácter gratuíto, conta ata o momento con 149 empresas adheridas, de sectores como a hostalaría, o turismo, a biotecnoloxía ou as enerxías renovables. O prazo para sumarse continúa aberto para pemes e autónomos que teñan o seu domicilio social ou conten con centro de traballo en Galicia, a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=es_ES&codtram=TR320B.

En concreto, as candidatas deben ter, polo menos, unha persoa contratada por conta allea, non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior aos 43 millóns de euros.

Nas tres edicións anteriores participaron un total de 400 pequenas e medianas empresas, 200 o ano pasado, con representación de máis de 40 sectores de actividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024