A Xunta saca músculo do investimento en instalacións deportivas

O secretario xeral para o Deporte destaca as recentes obras no CGTD, nos complexos deportivos da Coruña e no Complexo Deportivo de Monterrei, así como as ordes de axudas para as instalacións municipais (8 millóns de euros) e para entidades deportivas (1,5 millóns de euros)

Santiago de Compostela , 22 de maio de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou no Parlamento de Galicia o “destacado esforzo inversor e de programación nas instalacións deportivas de Galicia”, así tanto nas propias que xestiona de xeito directo como as pertencentes a outras administracións.  

Neste sentido, Lete Lasa destacou o Centro Galego de Tecnificación Deportiva e os seus centros asociados (o Complexo de Regatas David Cal en Verducido e o Centro Galego de Vela en Vilagarcía), que son “obxecto de constante actuacións de mellora a través de investimentos que permiten o adestramento e a competición nas condicións óptimas que require o deporte de alta competición”. Estes investimentos alcanzaron só no 2023 cerca de 800.000 euros. Neste 2024, ademais, o campo de regatas David Cal foi obxecto de obras de mellora da súa eficiencia enerxética (cerca de 400.000 euros), e a sede central do CGTD en Pontevedra foi obxecto da renovación do pavimento da pista de atletismo (mais de 350.000 euros), e das obras de adecuación da instalación de Protección Contra Incendios (PCI), por 257.000 euros.

No caso dos complexos deportivos da Coruña, Lete Lasa lembrou que en 2023 comezaron as melloras no pavillón deportivo de Monte Alto (538.508,56 euros) e Agra II (444.068,22 euros); continuando neste 2024 con Monte das Moas (762.275,80 euros) e finalizando de seguido con Elviña II, cuxo orzamento inicial de obras superará previsiblemente os 600.000 euros. Con respecto ao Complexo lúdico-deportivo de Monterrei en Pereiro de Aguiar, e logo da parte deportiva executada en 2020 por un millón de euros, vénse de rematar a execución da construción da 1ª fase do parque acuático cun custo de preto de 8 millóns de euros, posibilitando que as instalacións abran as súas portas no vindeiro 20 de xuño. 

Lete Lasa lembrou, tocante ás instalacións deportivas pertencentes a outras administracións, as dúas convocatorias de axudas á concellos para a realización de obras en instalacións deportivas municipais o para a adquisición de material deportivo inventariable, con carácter plurianual para os exercicios 2023 e 2024 e que contaron cun orzamento de 5,8 e 2 millóns de euros, respectivamente, acadando a realización de 267 actuacións en 186 concellos en toda Galicia. Neste sentido cómpre lembrar asemade a convocatoria de axudas para obras en instalacións deportivas de titularidade das entidades deportivas de Galicia que contou cun orzamento de 1,5 millóns de euros tamén plurianuais e que posibilitou un total de 55 actuacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2024