A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou esta tarde o Aclunaga International Summit

Lorenzana destaca a aposta do sector naval galego pola especialización tecnolóxica

Pon en valor o papel que desempeña o clúster do naval, Aclunaga, á hora de apoiar, xunto á Administración autonómica, os obxectivos do sector: a diversificación de mercados, os avances tecnolóxicos para a mellora de procesos e servizos, a formación e a eficiencia

Expresa o seu convencemento en que o plan director do naval permita obter toda a información necesaria para facer un diagnose das necesidades e retos que ten ante si esta industria no contexto actual e activar as medidas de actuación precisas

Vigo, 21 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta que está a facer o sector naval en Galicia pola especialización tecnolóxica, o que o converte, dixo, nun referente a nivel nacional e internacional.

Así o manifestou esta tarde na inauguración do Aclunaga International Summit, un foro sectorial que se celebra cada dous anos coincidindo coa feira Navalia, que inauguraba esta mañá a súa novena edición. Alí puxo en valor o papel que desempeña o clúster do naval, Aclunaga, á hora de apoiar, xunto á Administración autonómica, os obxectivos do sector: a diversificación de mercados, os avances tecnolóxicos para a mellora de procesos e servizos, a formación e a eficiencia.

A conselleira de Economía e Industria recoñeceu que aos estaleiros galegos aválanlles décadas de traballo e unha ampla experiencia e coñecemento acumulado para poder dar unha resposta acorde ás necesidades actuais do mercado. Ao respecto, salientou que Galicia lidera o número de novos contratos del naval en España, con sete novos encargos, e unha carteira de pedidos de 17 buques.

Lorenzana concluíu manifestando o seu convencemento en que o plan director do naval que, neste momento, está preparando a Xunta de Galicia en colaboración co sector, permita obter toda a información necesaria para facer un diagnose das necesidades e retos que ten ante si esta industria no contexto actual e activar as medidas de actuación precisas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024