José González destacou o impulso da Xunta á economía social na xuntanza á que tamén acudiu a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración segue co proceso de diálogo aberto e reúnese coa Unión de Cooperativas Galega

A Estratexia de Economía Social con horizonte ata 2027 aspira a xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial

O Goberno galego está a traballar no deseño da nova Lei de cooperativas para adaptala aos novos tempos contando coas achegas do sector

O orzamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinado á economía social en 2024 creceu nun 3%, chegando ata os 43,6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, mantivo hoxe un encontro coa presidenta da Unión de Cooperativas Galegas (EspazoCoop), Ana Olveira, e representantes do Consello Reitor e do equipo técnico da entidade, no marco do proceso de escoita activa que está a manter cos principais axentes sociais e económicos de Galicia.

Na xuntanza, González puxo en valor a aposta da Xunta pola economía social e, en particular, polo cooperativismo, unha fórmula empresarial de éxito en Galicia e que continúa a medrar: no último ano creáronse un total de 130 novas cooperativas, o que supón un crecemento do 7,69% con respecto a 2022.

A Xunta ten en execución na actualidade a 2ª Estratexia da economía social, coa que aspira a xerar 4.000 empregos e a posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. Esta planificación con horizonte 2027 conta cun orzamento de máis de 174 millóns, para  xerar máis economía social, atraendo talento, mellorando a competitividade e o crecemento en sectores emerxentes. Ata esa data a Administración autonómica espera o nacemento de 400 novas entidades e que a mocidade e as mulleres teñan maior presenza na economía social.

Cómpre tamén subliñar que coa Estratexia, a Xunta confía en reducir o tempo de constitución de entidades a 37 días de media e incrementar nun 25% as firmas creadas en sectores emerxentes.

O conselleiro, así mesmo, fixo referencia á nova Lei de cooperativas, que está a deseñar o Goberno galego para adaptala aos novos tempos e axilizar a creación de entidades, un traballo no que se están a recabar as necesidades dos principais interlocutores. O novo marco legal no que a Administración autonómica está a traballar busca flexibilizar e facilitar a creación de novas entidades e axudar a que as existentes avancen na súa profesionalización e dixitalización. Trátase de adaptar o actual marco regulador, que data de 1998, ao novo contexto socioeconómico, e de dar o impulso definitivo a este modelo.

Con respecto ao punto de vista orzamentario, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración traballa para reforzar a economía social en Galicia cun investimento para este 2024 que aumentou nun 3% con respecto a 2023, polo que supera os 43,6 millóns de euros. O presupuesto artéllase en tres grandes eixes de actuación: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas e a promoción do emprego inclusivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024