A directora xeral de Xuventude acompaña os participantes neste plan na visita ás instalacións de Congalsa, na Pobra do Caramiñal

Lara Meneses destaca a importancia do programa Mentoring da Xunta para preparar a mocidade no salto á vida laboral

A iniciativa, que suma cinco edicións achegando á xuventude ao tecido empresarial, colaborou xa con 1.200 persoas cun exitoso resultado de inserción laboral

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 21 de maio de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acompañou esta mañá a unha vintena de mozos e mozas nunha visita ás instalacións da empresa Congalsa, na Pobra do Caramiñal. Trátase dunha actividade encadrada  no programa Mentoring impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de asesorar e formar a xuventude na súa transición á vida laboral tras rematar os estudos de grao ou Formación Profesional.

Na súa visita, Lara Meneses puxo en valor este programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pola a súa “importante aportación e valía” á hora de conseguir “mellorar a empregabilidade da xuventude”. Neste senso, apuntou a “formación en habilidades e competencias para o emprego”.

Deste xeito, para perfilar e perfeccionar estas habilidades e competencias de cara a incorporarse ao mercado laboral, estes mozos e mozas contan en todo o proceso cun equipo de titores que acompaña e guía as persoas usuarias deste programa, que inclúe visitas a empresas, como a de hoxe en Congalsa para coñecer de primeira man o funcionamento e dinámicas desta empresa de alimentos precociñados ultraconxelados que conta con 30 anos de historia.

Así mesmo, este programa desenvolve iniciativas, como xornadas de networking ou encontros con mentores de empresas dos sectores profesionais aos que os participantes se queren dedicar.

Programa de éxito cun 50 % de inserción laboral

Lara Meneses explicou que as visitas ás empresas son “parte fundamental” deste programa, do que lembrou que xa vai pola quinta edición e do que destacou que xa teñen pasado “1.200 persoas mozas cun exitoso resultado de inserción laboral”.

“Con estas visitas o que se busca é achegar os participantes ao tecido empresarial galego, proporcionándolles información práctica sobre os sectores profesionais do seu interese”, valorou a directora xeral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, quen tamén agradeceu a Congalsa a súa participación no Programa Xuventude Mentoring desde un principio.

O programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo na Iniciativa de Emprego Xuvenil, nun 80%, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, para o período 2014-2020.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024