Belén do Campo participa desde o Centro de Coordinación de Incendios Forestais da Coruña na simulación dun incendio con situación operativa 2 no monte Pindo de Carnota

A Coruña, 20 de maio de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou no exercicio de simulación de sala de situación operativa 2 por incendio forestal no monte Pindo (Carnota). O simulacro realIzouse a dous niveis, xa que contemplou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (CECOP) no Centro de Coordinación Provincial da Coruña, así como o despregue do Posto de Mando Avanzado (PMA), no lugar do Viso (Carnota). 

O simulacro estivo dirixido a mandos e persoal técnico de emerxencias e de incendios forestais, e tivo como obxectivo mellorar a coordinación entre os departamentos participantes, e adestrar os protocolos que establece o Plan de Emerxencias por incendios forestais de Galicia (PEIFOGA) no relativo ás declaracións de situacións operativas. Ademais, con esta actividade desenvolvéronse as actuacións tanto de extinción como de protección de núcleos e persoas no caso dun incendio forestal real na zona.

No simulacro participou persoal da Consellería do Medio Rural, Emerxencias, Bombeiros, Protección Civil do Estado, Garda Civil e representantes dos concellos potencialmente afectados (Carnota, Dumbría e Mazaricos).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024