Martina Aneiros destaca o peso do motor galego no calendario nacional de automobilismo na presentación do 36 Rally Cidade de Narón

A cita, que reunirá a máis de medio centenar de pilotos, celebrarase os días 24 e 25 de maio

Narón (A Coruña), 20 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da trixésimosexta edición do Rally Cidade de Narón que terá lugar os días 24 e 25 de maio e para o que están inscritos un total de 57 pilotos.

Aneiros destacou na súa intervención o peso que está a acadar o motor galego no calendario nacional de automobilismo “con probas como este rally Cidade de Narón que é a única cita galega deste ano na Copa de España de Rallys de Asfalto (CERA-RECALVI) ou os rallys de Ourense e Rías Baixas, ambas puntuables para o Supercampionato de España (S-CER)”.

A delegada territorial puxo en valor o respaldo da Xunta de Galicia ao deporte galego e, nomeadamente á disciplina do automobilismo, “no que o Goberno galego investiu 2,8 M€ durante o período 2009-2023 entre convenios coa Federación Galega, axudas a clubs e escudarías e becas para os pilotos”. Tamén salientou a seguridade como un dos factores innegociables dun rally, aspecto no que dixo “debemos envorcarnos todas as partes implicadas para que os eventos do motor coma este transcorran sen incidentes”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2024