A delegada da Xunta felicita aos responsables da Orquestra Clásica de Vigo polo seu 40 aniversario

Vigo, 20 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este venres unha reunión de traballo co xerente e co director artístico e fundador da Orquestra Clásica de Vigo, Manuel Martínez e Manuel Martínez Álvarez-Nava. A representante autonómica felicitou aos responsables polo 40 aniversario da formación, sendo a orquestra máis antiga de Galicia, e coñeceu os proxectos que teñen actualmente en marcha para celebrar a súa fundación.

A Orquesta Clásica de Vigo é a decana das orquestras de Galicia: nace en 1984 e realiza unha aposta dende os seus comezos pola formación e a innovación nos formatos. Polos seus atrís pasaron máis de 800 instrumentistas, principalmente do sur de Galicia e o norte de Portugal. Un proxecto integrador con máis de 150 solistas e 500 obras distintas interpretadas no que a aposta polo encontro coas audiencias é fundamental.

Nos seus 40 anos de historia as obras interpretadas cóntanse por centos, e nos últimos anos realizou propostas de danza, cine en directo, bandas sonoras, propostas actuais e obras consagradas. A Orquesta Clásica de Vigo ofrece unha programación aberta, diversa e actual a través da cal explorar os repertorios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2024