O presidente da Xunta mantén un encontro con Yao Jing

Rueda avalía co embaixador da China novas oportunidades de negocio para as empresas galegas

No encontro, celebrado na Coruña, abordouse tamén a atracción de investimentos cara á Comunidade desde o país asiático, que en 2023 importou produtos galegos por 234 millóns de euros

A Coruña, 16 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta tarde na Coruña un encontro co embaixador da República Popular China en España, Yao Jing, no que avaliaron diferentes medidas para reforzar as relacións económicas entre Galicia e o país asiático.

Así, na reunión abordáronse tanto as posibilidades de novas oportunidades de negocio para as empresas galegas na China como a atracción de investimentos cara á Comunidade, na que xa están implantadas compañías chinesas do eido da metalurxia e o sector conserveiro, entre outros.

Cómpre salientar que as exportacións das empresas galegas á China alcanzaron en 2023 un total de 234 millóns de euros, rexistrando un crecemento de preto dun 25% desde o ano 2020, grazas ás achegas de sectores como o agroalimentario e os productos do mar ou as industrias químicas. Por outra banda, xa existen varias empresas galegas establecidas desde hai décadas en China, onde o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) conta cunha antena comercial, e agárdase un aumento de visitas comerciais por realizar entre ambos lados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2024