A Xunta activa o convenio con Farmamundi para a prestación de asistencia alimentaria á poboación desprazada pola crise humanitaria en Mozambique

 A través desta colaboración reforzarase a subministración de medicamentos de urxencia a tres centros de saúde, así como as capacidades do persoal sanitario en xestión de riscos nun contexto de crise humanitaria aguda

O Goberno galego achega 8.000 euros coa previsión de cubrir nos próximos cinco meses un total de case 400 persoas de 73 unidades de convivencia 

A intervención enmárcase nos convenios anuais de resposta ante emerxencias con Farmamundi, que desde 2009 supuxo a mobilización de máis de 1M€ 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2024

A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia para a asitencia alimentaria á poboación desprazada na provincia de Niassa, afectada pola crise humanitaria en Cabo Delgado, en Mozambique. Investiranse 8.000 euros co obxectivo de atender 73 unidades de convivencia con produtos de primeira necesidade para que poidan afrontar a situación de incerteza e precariedade na que se atopan inmersas actualmente. 

En concreto, realizaranse durante cinco meses entregas a case 400 persoas de 73 unidades de convivencia de insumos agrícolas e sementes -sobre todo de hortalizas, cereais e tubérculos-, ferramentas agrícolas e produtos alimentarios e non alimentarios como fariña, xudías, aceite, sal ou pastillas de xabón. As distribucións cubrirán 45 unidades no distrito de Lichinga, 5 en Sanga, 5 en Majune, 1 en Ngauma, 5 en Mandimba e 12 en Cuamba. 

O proxecto levarase a cabo coa organización United Purpose (UP), en colaboración co Consello Cristián de Mozambique (CCM), socios locais de Farmacéuticos Mundi (Farmamundi) nesta intervención, e outras organizacións como ACNUR, Oxfam, Cruz Vermella de Mozambique ou Unicef, co fin de asegurar unha maior eficiencia na intervención. 

Desde 2017 a provincia de Cabo Delgado tense visto afectada por unha crise intermitente e un conflito que provocou só nos últimos tres meses debido a novos ataques esporádicos o desprazamento de máis de 112.800 persoas -máis do 60% nenos e nenas- de máis de 24.200 unidades de convivencia. Por iso, con intervencións coma estas, a Xunta colabora con Farmamundi na mellora das condicións de vida da poboación desprazada non só con axuda alimentaria directa, senón tamén co fomento da producción de alimentos, mediante o autoabastecemento, para previr futuras situacións de crise. 

Atención ás poboacións máis vulnerables

Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 1 millón de euros, incluíndo a contía do convenio deste ano no que se enmarca esta actuación en Mozambique. 

O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Data de actualización: 19/05/2024