O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o delegado territorial do Executivo autonómico en Ourense, Manuel Pardo, visitaron hoxe o espazo no que se construirá a nova infraestrutura

A Xunta financiará con 730.000 euros a construción da residencia municipal para persoas maiores de Verea

Contará con 24 prazas distribuídas en doce habitacións dobres

A actuación forma parte dun Plan de investimentos de 18,5 millóns de euros que está a desenvolver o Goberno galego para fortalecer a rede de centros de atención ás persoas maiores que dependen dos concellos

Verea (Ourense), 15 de maio de 2024

A Xunta de Galicia destinará preto de 730.000 euros para sufragar a construción da residencia municipal para persoas maiores de Verea. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, o delegado territorial do Executivo autonómico en Ourense, Manuel Pardo, e o alcalde, José Antonio Pérez Valado, visitaron esta mañá o sitio no que se emprazará este equipamento, que dependerá do Concello.

O novo centro de maiores construirase sobre unha estrutura de formigón que é de propiedade municipal e terá capacidade para aloxar a 24 persoas en doce habitacións dobres  dotadas de baño asistido. O inmoble contará cunha área para actividades, rehabilitación e comedor; outra para administración e consulta médica; un terceiro espazo no que se emprazarán os servizos xerais de cociña, lavandaría e roupeiro, entre outros; e por último unha zona residencial cos dormitorios e a sala de enfermaría.

Esta actuación é unha das máis de vinte que a Xunta de Galicia financiará ao abeiro do seu Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal. Este Plan acordouse coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e conta cun orzamento de 18,5 millóns de euros.

650 novas prazas por toda Galicia

Durante a visita, Perfecto Rodríguez destacou o reforzo que suporá o Plan de investimentos para as residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais que dependen das administracións locais. Non só en canto á mellora de instalacións, tamén implicará a creación de 500 novas prazas públicas de residencias e outras 150 de atención diúrna. Un impulso histórico da Xunta á atención que reciben os maiores galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2024