O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude fará entrega do galardón ao mellor festival

José López Campos comparte co sector musical a celebración do talento galego na gala dos Premios Martín Códax

A asociación Músicas ao Vivo organiza a undécima edición da convocatoria, para a que volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asiste esta noite en Pontevedra á gala de entrega dos 11º Premios Martín Códax da música para acompañar o sector neste acto de recoñecemento aos mellores proxectos artísticos e profesionais nas 15 categorías convocadas. En concreto, o responsable de Cultura do Goberno galego fará entrega do galardón ao mellor festival, ao que concorren Galegote Rock, Festival EmigraSON e As Nosas Músicas.

 

No marco da súa liña de cooperación e diálogo cos distintos colectivos asociativos das industrias culturais, a Xunta colabora economicamente con Músicas ao Vivo na organización deste certame desde a súa primeira edición co fin de contribuír á proxección social do talento artístico e da capacidade profesional da música de Galicia. Neste mesmo sentido, López Campos compartirá co sector esta celebración conxunta no Pazo da Cultura pontevedrés, á que tamén asistirán o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

 

O músico Xurxo Souto é o encargado de dirixir e presentar, acompañado da banda Xangai, a gala na que se darán a coñecer o nome dos 15 proxectos e artistas que levarán os galardóns deste ano, aos que optan 57 finalistas. Entregaranse, así mesmo, os tres Organistrum, que destacan unha sala, un festival e un espazo de comunicación musical, ademais da categoría extraordinaria para artistas emerxentes.

 

Unha das principais novidades desta 11ª edición é o cambio no proceso de votacións, que se abriu ao público xeral na segunda volta. No reconto final, estableceuse unha regra de baremación na que o 50% corresponde á votación do público e a outra metade aos votos das socias e socios de Músicas ao Vivo.

 

A gala poderá seguirse en directo en premiosmartincodaxdamusica.gal e na plataforma da CRTVG agalega.gal.

 

Data de actualización: 15/05/2024