O presidente da Xunta participou na inauguración da nova sede de Cáritas Diocesana de Lugo

Rueda destaca o labor de Cáritas en prol dos máis necesitados en Lugo

Salienta á institución como un dos grandes axentes sociais de Galicia

Remarca o compromiso do Executivo galego na loita contra a pobreza

Agradece aos membros da entidade o exemplo que dan á sociedade

Lugo, 15 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o labor que fai Cáritas en prol da inclusión social e na loita contra a pobreza na provincia de Lugo.

Así o dixo no acto de inauguración da nova sede de Cáritas Diocesana de Lugo. O presidente alegrouse por este paso da entidade, e salientou á institución como un dos grandes axentes sociais de Galicia: “Unha sede digna para facer un traballo moi digno: acompañar, acoller ao que máis o necesita. Preguntándolle á xente simplemente que necesitan e como se lles pode axudar”, sinalou.

No último ano, desde a Consellería de Política Social e Igualdade incrementouse un 30% as axudas directas concedidas a Cáritas Lugo, superando así o millón e medio de euros. Neste sentido, Alfonso Rueda remarcou o compromiso da Executivo Galego con esta entidade: “Sei que nunca vai ser dabondo, pero sei tamén que todo o que aportemos vaise multiplicar co que más vale: a dedicación, as ganas de axudar e a conciencia de que se está facendo entre todos unha sociedade mellor”, resaltou.

Ademais, o presidente da Xunta de Galicia manifestou o compromiso da Administración autonómica para colaborar con todas as entidades na loita contra a pobreza e a exclusión social. Actualmente, o investimento anual neste ámbito supera os 150 millóns de euros.

Por último, deulle a noraboa a todos os integrantes da entidade da Igrexa, encomiando unha actitude que para el é exemplar para toda a sociedade: “Grazas por intentar que todos, con independencia da sorte que tivésemos na vida, sexamos un pouquiño máis iguales”, rematou o presidente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2024