A Xunta lanza o ‘Decálogo pola igualdade LGBTIQ+ nos deportes’ para evitar situacións de discriminación

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou a medida nunha comparecencia no Parlamento na que abordou as medidas para velar polos dereitos e liberdades deste colectivo no eido deportivo

A iniciativa aprobarase mañá no Observatorio LGBTIQ+, froito do diálogo e dun traballo previo que incluíu un informe de diagnose e terá a súa continuidade na elaboración dun Protocolo de actuación

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia o lanzamento do Decálogo pola igualdade LGBTIQ+ nos deportes, unha guía de boas prácticas que se distribuirá como ferramenta de difusión, sensibilización e concienciación a través da Secretaría Xeral para o Deporte, universidades, federacións, clubs e demais entidades deportivas. A medida aprobarase mañá no Observatorio LGBTIQ+, impulsado pola Xunta para loitar contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, e que conta cun grupo de traballo centrado na educación e o deporte.

As mensaxes que se queren transmitir a través desta ferramenta son que todo tipo de corpos poden facer todo tipo de deportes, que hai que rachar cos roles e estereotipos de xénero, que o respecto é esencial tamén na linguaxe, e que os baños e vestiarios son espazos libres de violencias. Tamén se incide na promoción da autonomía persoal e a liberdade, na tolerancia cero con calquera conduta LGBTIQ+Fóbica e na necesidade de previlas, así como no compromiso firme coa accesibilidade do colectivo LGBTIQ+ ao deporte. A maiores, apóstase por tecer unha rede de entidades que apoien o colectivo, facer visible o apoio e defensa e converter calquera deporte nun espazo seguro de celebración da diversidade.

Trátase de trasladar estas ideas ao conxunto da sociedade galega, e avanzar así no obxectivo de “velar polos dereitos e liberdades do conxunto de galegos e galegas que practican deporte, independentemente da súa condición e tanto en acontecementos deportivos de primeiro nivel como en citas ou eventos de base ou de carácter popular”, sinalou o conselleiro.

Carácter inclusivo do deporte

Segundo indicou Diego Calvo, a iniciativa é froito do diálogo e dun traballo previo que incluíu a realización dun informe coa diagnose inicial da situación do colectivo LGBTIQ+ no ámbito do deporte e que terá a súa continuidade na elaboración dun Protocolo de actuación para evitar situacións de discriminación no ámbito deportivo. Outras das medidas propostas neste marco de acción son o establecemento dunha canle de denuncias de fácil acceso, garantir a accesibilidade dos vestiarios e baños, a realización de actividades e cursos sobre orientación sexual e identidades de xénero para persoal técnico e profesionais, e formación específica e transversal no Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

O conselleiro incidiu no carácter inclusivo da práctica deportiva e no seu valor como antídoto contra o odio e as condutas violentas. “A Xunta considera o deporte é unha vía para ser mellores persoas”, afirmou. Na súa intervención, o titular de Presidencia, Xustiza e Deportes insistiu ademais na vontade seguir avanzando no seo do Observatorio LGBTIQ+ e, concretamente, no grupo de traballo centrado no deporte, para continuar neste camiño cara a unha Galicia con plena igualdade para todas as persoas.

Data de actualización: 14/05/2024