Galicia salienta a importancia da cooperación territorial no inicio do debate sobre o orzamento europeo posterior a 2027

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou no evento, no que se abordou a renovación do ciclo institucional europeo

As autoridades participantes salientaron a importancia da cooperación territorial europea á hora de avaliar os novos desafíos que afrontan as rexións e cidades

Croacia, 14 de maio de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na reunión celebrada hoxe na rexión croata de Dalmacia para abordar o futuro do programa Interreg, que financia a cooperación entre rexións e municipios da Unión Europea, e debater os avances que favorecen a cooperación transfronteiriza en Europa.

A conferencia permitiu facer balance da experiencia adquirida ata a data nas tres modalidades de cooperación territorial existentes -transfronteiriza, transnacional e interrexional-, así como da súa aplicación durante o período 2021-2027. Os participantes coincidiron na importancia da cooperación territorial, pois permite aos diferentes territorios intercambiar experiencias e traballar xuntos en igualdade de condicións.

Jesús Gamallo lembrou o recente ditame do Comité das Rexións sobre a creación dun mecanismo de cooperación transfronteiriza, que permitiría flexibilizar a aplicación da normativa nacional ou ben aplicar a do país veciño en certos casos moi concretos nos que a lexislación nacional impide ou obstaculiza algún proxecto de cooperación transfronteiriza.

O director xeral defendeu a importancia de que este sexa voluntario para os Estados membros e gabou a decidida intención das autoridades comunitarias de apostar por este instrumento. Tamén destacou a importancia dos puntos de coordinación transfronteirizos, defendendo que non poden estar afastados das fronteiras. Galicia, que conta cunha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal cunha ampla e consolidada experiencia, sería unha localización idónea para un punto de contacto destas características.

A cooperación territorial europea representa hoxe tan so un 2,5% do total da política de cohesión europea, cifrada en máis de 322.000 millóns de euros para o período 2021-2027.  Jesús Gamallo, insta a reivindicar dende o Comité Europeo das Rexións unha maior dotación no debate que comeza agora sobre o orzamento europeo despois de 2027. “A nivel europeo, está a haber unha profunda reflexión sobre cales deben ser as prioridades orzamentarias á vista da futura ampliación da UE", sinalou.

Precisamente Santiago de Compostela acolleu o pasado novembro a conferencia anual de Interreg, coa presenza da comisaria de Cohesión e Reformas, na que tamén se abordou esta cuestión.

O grupo interrexional de cooperación transfronteiriza

Ademais da súa actividade como asemblea consultiva, desenvolvida polos seus membros no marco das sesións plenarias e comisións, o Comité Europeo das Rexións (CdR) conta tamén con grupos interrexionais que permiten aos membros debater determinados temas de interese común. O grupo interrexional dedicado á cooperación transfronteiriza, foi creado en 2015 e está formado por 13 rexións, entre as que se atopa Galicia.

Data de actualización: 14/05/2024