O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou o centro acompañado do alcalde do concello ourensán, Francisco Rodríguez
A Xunta financiará con 362.000 euros o 100% da ampliación da residencia municipal de maiores de Chandrexa de Queixa
No marco dun Plan de 18,5 millóns de euros, o Goberno galego reforzará a rede de centros de atención ás persoas maiores que dependen dos concellos
No caso de Chandrexa de Queixa, estenderanse as zonas comúns e diferenciaranse os espazos segundo as actividades para mellorar o benestar dos usuarios
Chandrexa de Queixa (Ourense), 12 de maio de 2024.
A Xunta de Galicia financiará o 100% do proxecto do Concello de Chandrexa de Queixa para ampliar a residencia municipal de maiores cun investimento de 362.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta semana as instalacións acompañado do alcalde do concello, Francisco Rodríguez.
O obxectivo da ampliación deste centro residencial permitirá poñer a disposición dos 77 usuarios do centro novas zonas comúns, con espazos delimitados segundo os usos. Diferenciarase, por exemplo, a sala para ver a televisión das salas dos xogos ou de descanso. Isto mellorará a estancia e o benestar dos residentes.
A reforma da residencia de maiores de Chandrexa de Queixa enmárcase no Plan de investimentos da Xunta para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal. Ao abeiro deste Plan, dotado de 18,5 millóns de euros e acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Goberno galego financiará unha vintena de proxectos.
Durante a visita, Perfecto Rodríguez destacou o reforzo que suporá este Plan para as residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais que dependen dos concellos. Non só en canto á mellora de instalacións, tamén implicará a creación de 500 novas prazas públicas de residencias e outras 150 de atención diúrna. Un impulso histórico da Xunta á atención que reciben os maiores galegos.