Ángeles Vázquez salienta a Festa da troita de Oroso como un referente para a promoción do relevo xeracional na pesca deportiva

Fai fincapé en que os pescadores contan coa colaboración e man tendida da Xunta para garantir o obxectivo de preservar o estado dos distintos recursos e garantir a sostibilidade desta práctica de cara ao futuro

Oroso (A Coruña), 12 de maio de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez salientou hoxe que a Festa da troita de Oroso como un referente para a promoción do relevo xeracional na pesca deportiva da Comunidade.

 

Durante a súa asistencia á XXVI edición desta festa, Ángeles Vázquez puxo en valor que, ademais de ser estudantes do IES da localidade os encargados de pronunciar o pregón da celebración, o concurso infantil de pescadores, que se celebrou pola mañá no coto de pesca do río Tambre, superou os datos de anos anteriores ao participar 25 rapaces de ata 14 anos. “Esta participación de récord garante o futuro desta práctica deportiva”, subliñou a conselleira.

 

Nese senso, cómpre lembrar que unha das principais novidades da Lei de pesca continental, que foi aprobada no ano 2021, é a exención do pago de taxas para menores de idade e maiores de 65 anos. De feito, segundo lembrou Ángeles Vázquez, máis de 13.000 persoas se benefician desta iniciativa esta temporada.

 

A maiores, a conselleira tamén incidiu na implicación dos pescadores no coidado do medio ambiente e da contorna. Nesa liña, fixo fincapé en que contan coa “colaboración e man tendida” da Xunta para garantir o obxectivo de “preservar o estado dos distintos recursos e garantir a sostibilidade desta práctica de cara ao futuro”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2024