A Policía Autonómica levou a cabo o ano pasado máis de 200.000 actuacións no marco das súas competencias

Destaca a actividade relacionada coa protección de vítimas de violencia de xénero, a prevención e investigación de incendios forestais, a loita contra o furtivismo ou o control das diferentes rutas do Camiño de Santiago

O cadro de persoal da UPA atópase a menos do 70 % da súa capacidade con 349 efectivos, fronte aos 500 que lle correspondería á comunidade

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2024

A Policía Autonómica levou a cabo o ano pasado máis de 200.200 actuacións no marco das súas competencias. Destaca a actividade relacionada coa protección das vítimas de violencia de xénero, a prevención e investigación de incendios forestais, a loita contra o furtivismo ou a vixilancia das diferentes rutas dos Camiños de Santiago.

A unidade incrementou de forma progresiva as súas funcións,  e asume actualmente actuacións en materias como a protección de edificios e personalidades, de menores e de vítimas de violencia de xénero, do medio natural e dos recursos mariños, da caza, da gandería, así como a prevención e investigación de incendios forestais, o control da pesca fluvial, ou en materia de xogo e espectáculos, saúde pública e protección do patrimonio histórico, artístico e cultural. Ademais, encárgase da vixilancia das rutas xacobeas, cun número crecente de peregrinos cada ano, e con especial relevancia nos Anos Santos para garantir a seguridade da cidadanía e de visitantes.

 

Este aumento de competencias non se viu reforzado desde o Goberno central cun incremento de efectivos, segundo reflicte o informe abordado no Consello. Deste xeito, a Xunta xa advertiu de forma reiterada que a actividade da Policía Autonómica está a verse afectada pola continua redución de axentes,  ao mesmo tempo que se incrementan as funcións asignadas. Por iso, tamén se instou en reiteradas ocasións ao Ministerio do Interior a renovar o convenio que permita cubrir as prazas vacantes, unha demanda que Galicia comparte con outras comunidades como Aragón, Andalucía e Comunidade Valenciana, como así lle trasladaron representantes destas autonomías por carta ao Executivo estatal o pasado decembro.

 

Na actualidade o cadro de persoal é de 349 efectivos dispoñibles, o que supón unha ocupación de apenas o 69,8 %. O número máximo de efectivos logrouse en 2013 con 474 e, desde entón, reduciuse de forma continuada, polo que o Goberno central ten reclamado en reiteradas ocasións ao Executivo estatal que cubra as vacantes ata os 500 efectivos que segundo o catálogo de persoal lle correspondería á comunidade.

 

Canto á actividade ordinaria da unidade, no eido da policía xudicial tramitáronse 87 atestados en materias como incendios, urbanismo, menores e patrimonio, así como 27.262 inspeccións que deron como resultado a tramitación de 4.772 actas de denuncia. Tamén se realizaron 1.218 traslados de menores e a Policía Autonómica e actualmente ocúpase da protección de  275 vítimas de violencia de xénero a través do sistema Vioxén.

Data de actualización: 11/05/2024