O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración abriu hoxe en Vigo a segunda xornada da edición 2024 do congreso The Way Startup Summit

José González pon en valor os recursos galegos ao emprendemento e salienta que a cifra de menores de 30 anos sen emprego acadou un mínimo histórico en abril

Explicou que o Goberno galego traballa para dar ás persoas emprendedoras todas as facilidades, unificando e coordinando todas as iniciativas, recursos e instrumentos, un eido ao que a Xunta destina este ano 31 millóns de euros, un 51,6 % máis que en 2023

O último informe GEM 2022/2023 reflectiu que a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) na comunidade galega elevouse ata o 5,4 %, sendo o segundo valor máis alto desde 2010

Estes bos datos únense aos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social de abril: Galicia lidera a caída do desemprego en España ao tempo que aumentaron as cotizacións polo que a comunidade crea emprego

Vigo, 10 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor hoxe en Vigo, na apertura da segunda xornada da edición 2024 do congreso The Way Startup Summit, a aposta firme do Goberno galego polo emprendemento, un eido ao que se destina en 2024 preto de 31 millóns de euros, o que supón un 51,6 % máis que en 2023.

González sinalou neste foro, ao que asistiu onte o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, que o emprendemento é unha fórmula de éxito en Galicia: o último informe GEM 2022/2023 reflectiu que 2022 foi un ano positivo para o emprendemento en Galicia, cunha Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) que se elevou ata o 5,4 %, sendo o segundo valor máis alto desde 2010.

Estes bos datos únense aos publicados esta semana de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social que reflicten que Galicia liderou a caída do paro en España con respecto a hai un ano, acadando unha cifra de desemprego histórica, xa que o número de persoas paradas nunca antes estivo por debaixo das 127.000 persoas, desde que hai rexistros (1996).

Así mesmo, apuntou que a cifra de menores de 30 anos sen emprego (13.851) é a máis baixa nun abril desde que hai rexistros (2006) e a de mulleres en paro (73.339) é a menor de toda a serie histórica (1996). O número de parados de longa duración (63.068) é o menor nun abril desde 2008. Na comparativa con abril de 2023, por sectores económicos, a baixada do paro liderouna a construción (-12,87 %), seguida da industria (-12,54 %), do sector primario (-11,32 %) e dos servizos (-8,93 %).

En Vigo, a cifra de desemprego rexistrou a máis baixa de toda a serie histórica (maio 2005) con 16.712 persoas en paro. Con respecto a hai un ano, baixou nun -10,94 %, unha redución maior á media acadada nas sete grandes cidades (-9,14 %); e na provincia de Pontevedra, o descenso do desemprego situouse nun -9,19 %

Con respecto ás afiliacións, Galicia continúa a crear emprego, cunha suba nas cotizacións reflectida tanto con respecto a hai un ano (+1,72 %) como na evolución mensual (+0,63 %).

Colaboración público-privada

En palabras de González e, para seguir mellorando as cifras do mercado laboral, Galicia busca atraer investimentos cara ao seu ecosistema de emprendemento innovador para o que a Xunta desenvolve unha intensa política de impulso ao investimento no tecido produtivo para que calquera proxecto emprendedor que se queira asentar en Galicia se quede en Galicia.

O conselleiro indicou que, para iso, a colaboración público-privada é moi importante para ir da man do tecido produtivo e tamén das forzas sindicais para acertar no deseño das medidas e das políticas activas de emprego. Así, lembrou que o primeiro que está a facer como conselleiro de Emprego, Emigración e Comercio é levar a cabo un proceso de escoita activa cos axentes sociais e económicos de Galicia.

Con base tecnolóxica

Así mesmo, fixo un relatorio dos principais programas autonómicos de impulso ao emprendemento en xeral e tamén o baseado no crecemento a partir dunha base tecnolóxica e ideas de negocios innovadoras. Con respecto a este eido, a Xunta apoiou a creación de máis de 400 empresas de base tecnolóxica e 2.200 postos de alta cualificación, grazas ao programa de incentivos ao emprendemento dirixido a investigadores e titulados universitarios, que acredita 23 anos de traxectoria.

 

Outros recursos ao emprendemento que ten en marcha a Administración galega son a Rede de polos de emprendemento, con 13 activos que dan cobertura a toda a xeografía galega, e que está a impulsar os proxectos das persoas emprendedoras en calquera das súas fases: proxectos novos, que están a piques de iniciarse ou que se queren consolidar.

Desde esta Rede, ademais, estase tamén facilitando a remuda xeracional para axudar os negocios que precisan de novas persoas para garantir o seu futuro.

Púxose en marcha ademais, un mapa de emprendemento para facilitar o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais, reunindo todos os axentes territoriais e servizos ao dispor dos emprendedores da comunidade, un recurso que sumou en menos dun mes 162 entidades rexistradas relacionadas co impulso de iniciativas empresariais.

O conselleiro tamén referiuse a unha colección de guías de utilidade para poñer en marcha e xestionar un negocio, que se irán incrementando ata acadar 16. A elaboración da Estratexia do Emprendemento para o ano 2024 recollerá todo o relativo a estas iniciativas para completar as previsións  no ámbito do traballo autónomo e da economía social.

Por último, tras ratificar o compromiso da Xunta co emprendemento innovador e coa xeración do emprego de calidade, apuntou que tamén o Goberno galego traballa para mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade no emprego, intentando axustar oferta e demanda laboral con instrumentos como Emi, baseado na Intelixencia Artificial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024