O DOG publica a contratación por réxime de concerto social de 128 novas prazas públicas de atención á discapacidade

O Goberno galego impulsa este ano un total de 166 prazas públicas: 128 incluídas nesta publicación e 38 que se crearán por modificación de contrato

Destinaranse 14,6 millóns de euros durante os próximos catro anos á creación destes servizos de atención diúrna e residencial que xestionarán as entidades sociais

Suporá a ampliación da rede pública de atención especializada a estas persoas, que supera as 5.000 prazas

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución, en réxime de concerto social, de 128 prazas públicas de atención diúrna e residencial dirixidas a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral adquirido e discapacidade intelectual. O Goberno galego impulsou este mesmo ano a creación destas novas prazas públicas ás que hai que sumar outras 38 que se tramitarán mediante modificación de contrato. 

En total, a Xunta impulsa este ano a creación de 166 prazas públicas no ámbito da discapacidade, para o que se destinarán 14,6 millóns de euros durante os próximos catro anos. Coa aprobación deste acordo, o Goberno galego dá resposta a un dos compromisos fixados para os cen primeiros días de lexislatura: o impulso de novas prazas de residencia e centros de día para maiores e persoas con discapacidade.

Estas novas prazas súmanse ás máis de 5.000 en centros de día e residencias que financia o Goberno galego na actualidade a través do concerto social, unha demanda histórica do terceiro sector que xa está vigor desde o pasado día 1 de marzo. Ademais de ampliar a rede pública de coidados especializados, mediante esta medida a Xunta facilita que os usuarios destes servizos sexan atendidos na súa contorna, sen necesidade de que teñan que facer longas distancias.

1.100 novas prazas 

De feito, neste inicio de mandato, a Xunta deu luz verde a un investimento de 18,5 millóns de euros para a creación de 650 prazas en residencias e centros de día de titularidade municipal, ao impulso doutras 100 prazas coa creación de 20 novas casas do maior; a estas 166 novas prazas de atención á discapacidade e a próxima entrada en funcionamento das novas residencias de maiores de Santiago de Compostela e Lugo, xa entregadas pola Fundación Amancio Ortega, e que suman outras 240 prazas. En total, o Executivo galego impulsou a creación de máis de 1.100 novas prazas públicas en residencias e centros de día.

Data de actualización: 03/05/2024