O Consorcio Casco Vello de Vigo xa traballa na rehabilitación de tres edificios con trece vivendas

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, avanzou que as novas actuacións serán en Berbés 39,  Elduayen 39-Ferrería 36, e rúa Alta 10, 12 e 14

Vigo, 2 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, avanzou este xoves que o organismo autónomo xa planifica as próximas actuacións que se levarán a cabo co obxectivo de poñer nova vivenda de promoción pública a disposición da cidadanía.

O CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, centra agora os esforzos nos proxectos para rehabilitar tres edificios cun total de 13 vivendas. Trátase dos inmobles situados na Ribeira do Berbés 39, en Elduayen 39 (tamén con saída cara Ferrería 36) e na rúa Alta 10, 12 e 14.

Ademais, o Consorcio Casco Vello está a punto de rematar a rehabilitación do edificio de Elduayen 31, no que investiu un total de 1,4 millóns, sumando a compra do inmoble e a adxudicación dos traballos. Esta última actuación suporá a posta a disposición da cidadanía de 6 novas vivendas de protección autonómica, de dous e tres dormitorios, e dun local comercial.

O Consorcio Casco Vello, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, conta cunha partida total de 1.780.065 euros tras o desbloqueo do Plan de Actuacións do exercicio 2024. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos.

Data de actualización: 02/05/2024