A Xunta pon en valor a capacidade dinamizadora do Bono Activa Comercio en Pontevedra na primeira xornada de uso polos clientes
O delegado territorial visitou varias tendas do centro pontevedrés e corroborou a satisfacción dos comerciantes coa iniciativa
Os Bonos Activa Comercio contan cun orzamento total de 2,5 millóns de euros para mobilizar 12 millóns en vendas
Reguera lembrou a importancia de apoiar o pequeno comercio e favorecer a súa innovación
Pontevedra, 26 de abril de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá varios comercios da cidade de Pontevedra para interesarse sobre a acollida que está a ter o Bono Activa Comercio no día do seu lanzamento.
Así, Reguera conversou cos traballadores e traballadoras de establecementos do centro da cidade participantes nesta iniciativa e que xa recibiron os primeiros pagamentos a través do bono desta nova edición.
Cabe destacar que os Bonos Activa Comercio pódense utilizar a partir de hoxe, 26 de abril, en calquera dos establecementos adheridos. A lista de negocios vencellados así como toda a información e a explicación paso a paso para descargar os bonos pódese atopar na web www.bonosactivacomercio.gal.
Esta iniciativa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cos que a Xunta espera xerar 12 millóns en vendas, axudar ás familias e promover o comercio de proximidade. Trátase de contribuír á dinamización do sector, mediante a fidelización e atracción de clientes.
Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros correspóndelle un desconto de 5 euros. Ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
O delegado territorial destacou a importancia deste tipo de medidas que “axudan aos pequenos comerciantes a ser máis competitivos e avanzar cara á súa innovación, dixitalización e valor diferencial nos seus produtos”. Así, Reguera sinalou ao pequeno comercio como “un trazo da nosa cultura e da nosa forma de vivir que debe ser apoiado e conservado”.