A Xunta defende a utilidade pública do deporte como fonte de saúde e benestar

A Coruña, 23 de abril de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta tarde no III Foro Económico Español ‘A Galicia que vén’, celebrado na Coruña, onde defendeu a utilidade pública do deporte como fonte de saúde e benestar. Na súa intervención, enmarcada no bloque Sanidade, saúde mental, benestar e vida saudable, o conselleiro salientou a aposta da Xunta pola práctica deportiva desde as idades máis temperás ata as máis avanzadas.

Así referiuse ás recentes medidas impulsadas polo Goberno galego, como o Bono Deporte, no que se investiron máis de 16 millóns de euros para facilitarlle a compra de material á rapazada federada nalgunha disciplina, ou o anunciado Bono Actívate, dirixido a maiores de 65 anos. Ambas as iniciativas súmanse a programas xa consolidados como Xogade, dirixido a escolares e que asume con case tres millóns de euros anuais o seguro de todos os inscritos, ou o Plan Galicia Saudable, dirixido tamén a apoiar a actividade física en distintos segmentos da poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024