A Xunta reúnese cos axentes sociais e económicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para avanzar no estatuto do traballador transfronteirizo

Foi a primeira reunión técnica deste grupo de traballo, que entregará o traballo aos gobernos de España e Portugal antes do próximo Cumio Ibérico do mes de outubro

O obxectivo é que o documento sexa unha realidade canto antes para facilitar a circulación, o acceso á información e o exercicio dos dereitos dos máis de 15.000 traballadores que cruzan diariamente a Raia

Da reunión sae tamén o compromiso de que sexa unha eficaz “carta dos dereitos e deberes” dos traballadores transfronteirizos para que gocen dunha protección similar aos “nacionais”

Vigo, 23 de abril de 2024

Representantes da Xunta reuníronse hoxe na sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal con axentes sociais e económicos para traballar no contido do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, co obxectivo de entregarlle o documento aos gobernos de España e de Portugal antes do próximo Cumio Ibérico, previsto para outubro. Deste xeito, o Goberno galego, no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal,  avanza xunto a outras institucións do territorio para que o Estatuto do Traballador Transfronteirizo sexa unha realidade para os 15.000 cidadáns que cruzan diariamente a Raia para ir traballar.

No encontro participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, ademais de representantes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, do Instituto do Emprego e Formação Profissional, I.P. Delegação Rexional do Norte, do Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal, do Eures Transfronteirizo Galicia - Norte de Portugal, da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e da AECT da Eurorrexión.

O grupo de traballo naceu auspiciado pola Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), coa fin de marcar os principais asuntos que deben ser tratados polo Estatuto e propoñer solucións para que esta ferramenta permita avanzar cara a un mercado laboral máis eficiente e cohesionado, en beneficio dos habitantes dos territorios fronteirizos.

Facilitar a circulación e o exercicio dos dereitos

O obxectivo é facilitar a circulación, o acceso á información e o exercicio dos dereitos dos traballadores que residan ou traballen nos territorios fronteirizos de Galicia e do Norte de Portugal, e por extensión, de Portugal e España.

Entre outras cousas, a Xunta considera que o Estatuto debe establecer unha definición común e consensuada da figura do traballador transfronteirizo, que sexa esta a única válida en termos laborais, de fiscalidade e de seguridade social, e establecer o seu ámbito de aplicación, así como a relación laboral entre o empresario e o traballador. Debe tratar tamén os temas relativos ao dereito laboral e condicións de traballo; a fiscalidade; Seguridade Social dos traballadores transfronteirizos; a xubilación e prestacións dos traballadores e as súas familias; as melloras sociais que lles incumban; as cuestións máis “loxísticas” de organización ou os intercambios de información entre os distintos organismos implicados.

Búscase en definitiva que sexa unha “carta dos dereitos e deberes” dos traballadores transfronteirizos para evitar que estes traballadores teñan desvantaxes ou dificultades con respecto aos que traballan no seu país de residencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024