O piloto Alonso Liste disputará os campionatos galego e europeo de automobilismo de montaña con vehículos preparados no CIFP As Mercedes

No rallye galego competirá a bordo dun Fórmula 3 desenvolvido integramente por alumnos e profesores do centro e no europeo pilotará o Ginetta G55 que anualmente poñen a punto neste CIFP

O CIFP tamén presentou hoxe un simulador de carreiras de Fórmula 1 deseñado este curso por estudantes e docentes do novo ciclo superior de Automoción especializado en vehículos de competición

Lugo, 23 de abril de 2024

O piloto lucense José Alonso Liste disputará os campionatos galego e europeo de automobilismo de montaña a bordo de dous vehículos preparados no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes. 

Un deles é un monopraza de Fórmula 3 desenvolvido integramente no centro e o outro o Ginetta G55 que poñen a punto cada ano neste CIFP. O centro formativo acolleu hoxe a presentación dos dous automóbiles, coa presenza do propio piloto; a xefa territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Sagrario Sánchez; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, e o director das Mercedes, Joaquín Expósito, entre outras persoas. 

O vehículo de Fórmula 3, un modelo Dallara F3, foi creado por alumnos e profesores do ciclo superior dual de Automoción especializado en vehículos de competición, unha titulación que se estrea este curso en Galicia.

Agora Alonso Liste porao a proba nas subidas a Taboada – esta fin de semana -  e A Pontenova, no marco do rallye galego; así como na subida a Chantada, que forma parte do campionato de España de montaña. O propio alumnado das Mercedes ocúpase ademais de prestar a asistencia técnica durante as competicións.

No caso do Ginetta G55, a evolución que experimentou nesta ocasión foi unha redución de peso e a incorporación dunha nova liña de escape e un diferencial traseiro. O lucense competirá con este automóbil no Campionato Europeo FIA de carreiras de montaña, que o ano pasado concluíu terceiro na súa categoría. As carreiras comezan a finais de abril.

Simulador de Fórmula 1

O CIFP As Mercedes tamén presentou hoxe un simulador para coches de competición de Fórmula 1 desenvolvido este curso. Alumnos e docentes do mesmo ciclo especializado traballaron no proxecto, para o que adaptaron unha estrutura de automóbil de competición no que se pode emular unha carreira. 

O obxectivo da iniciativa é avaliar o comportamento integral de vehículos de competición en diferentes configuracións; mellorar o seu rendemento en condicións reais de carreira e promover a innovación no ámbito da preparación de automóbiles de competición en Galicia. O centro presentou o proxecto aos premios FP Innova deste ano convocados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Os proxectos presentados exporanse esta semana - do 24 ao 26 de abril - na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela no transcurso do Congreso FP Innova Galicia 2024. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024