A Xunta recibe 8 ofertas para executar as obras que completan a mellora da PO-234 entre Cerdedo–Cotobade e Ponte Caldelas

As intervencións, licitadas por máis de 1 M€, centraranse no tramo da vía entre Laxoso e o cruce do Portasouto, incluíndo a mellora dos itinerarios peonís, da calzada e dos seus elementos para reforzar a seguridade viaria

Corrixirase o trazado e ampliarase a calzada ata os 7 metros de ancho, ademais de mellorar as interseccións dos viarios públicos coa estrada autonómica

O obxectivo da Xunta é iniciar as obras en xullo, cun prazo de execución de 8 meses

Esta nova intervención da Xunta completa o acondicionamento desta vía que une os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, estando xa executadas as dúas fases anteriores cun investimento autonómico de preto de 1,25 M€

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu 8 ofertas de empresas para executar as obras de acondicionamento da estrada autonómica PO-234 entre Laxoso e o cruce do Portasouto, no concello de Ponte Caldelas.

A través desta intervención, licitada por máis de 1 M€, a Xunta completará as actuacións de mellora da PO-234 entre Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, incluíndo as obras a mellora puntual do trazado, a ampliación da calzada e a mellora das interseccións das vías públicas coa estrada autonómica.

O obxectivo da Xunta é adxudicar as obras neste mes de xuño e comezar os traballos en xullo, cun prazo de execución de 8 meses.

O investimento global desta nova intervención supera os 1,14 M€, tendo conta o pagamento dos predios precisos para executar a actuación, que abrangue o tramo de preto de 1,6 km da PO-234, entre os puntos quilométricos 2+580 e 4+150.

En concreto, os traballos inclúen a mellora puntual do trazado e a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho, acadándose 2 carrís de 3 metros e 2 beiravías de 0,50 metros, co obxecto de mellorar a seguridade viaria.

Tamén se intervirá nas interseccións e executaranse cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal da vía. Ademais reporase a sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.

Con esta actuación o Goberno galego completará o acondicionamento desta estrada autonómica que conecta os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, no municipio de Cerdedo-Cotobade, cuxas dúas primeiras fases foron xa executadas e supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25 M€.

A mellora desta vía dividiuse en tres fases. Xa está a disposición dos veciños o tramo mellorado entre o cruce do Portasouto e Aguasantas e tamén está acondicionado o treito entre Ponte Caldelas e Laxoso.

Documentos relacionados

Data de actualización: 23/04/2024