A Xunta licita por máis de 293.000 € a reparación de dúas obras de drenaxe transversal nas estradas PO-542 e PO-313 ao paso polos concellos de Pontevedra e de Marín

Trátase de actuar no treito da PO-542 Ponte Bora-O Pino, á altura do quilómetro 0+850, en Pontevedra; e na PO-313, á altura do punto quilométrico, 5+900, no treito Pardavila-Broullón, en Marín

Esta actuación realÍzase no marco das inspeccións preventivas que leva a cabo a Xunta das obra de paso da rede autonómica co obxectivo de reforzar estas infraestruturas

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación, establecendo como prazo ata o vindeiro 15 de maio para que as empresas poidan presentar ofertas

A previsión da Xunta é adxudicar as obras en xullo e comezar os traballos en agosto, cun prazo de execución de 4 meses

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou hoxe por importe de 293.311 euros os traballos de rehabilitación de dúas obras de drenaxe transversal nas estradas autonómicas PO-542 e PO-313, ao seu paso polos concellos de Pontevedra e de Marín, respectivamente.

Trátase de intervir no treito da PO-542 Ponte Bora-O Pino, á altura do quilómetro 0+850, no municipio de Pontevedra; e na PO-313, á altura do punto quilométrico, 5+900, no treito Pardavila-Broullón, no concello de Marín.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destes traballos, que se impulsan no marco das inspeccións preventivas que leva a cabo a Xunta das obras de paso da rede autonómica, sendo o seu obxectivo o reforzo destas estruturas.

As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 15 de maio.

En concreto,  as actuacións que se realizarán na PO-542 baixo este contrato inclúen a limpeza e saneo da obra de drenaxe transversal existente, eliminando desprendementos e asegurando a súa estabilidade mediante reforzos, se fose necesario.

Posteriormente, execútase o reforzo interior de formigón na base da obra de drenaxe ata polo menos a metade da altura da obra de drenaxe transversal, a cal presenta danos derivados da corrosión na parte metálica lateral anexa a dita protección. Finalmente, executaranse aletas de formigón armado para as embocaduras en ambos os extremos da tubaxe.

No caso das actuación que se proxecta desenvolver na PO-313, estas comezarán pola limpeza e saneo da obra de drenaxe transversal existente, eliminando desprendementos de material derivados da corrosión. Estes traballos céntranse, fundamentalmente, na metade inferior do tubo, asegurando a súa estabilidade mediante a realización de reforzos, se fose necesario.

Tamén se procederá á reparación do tubo da obra de drenaxe transversal mediante encamisado interior e posterior recheo do espazo entre os tubos con inxección de formigón.

O obxectivo da Xunta é adxudicar estas obras no vindeiro mes de xullo para iniciar as obras en agosto. Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses.

Data de actualización: 19/04/2024