A Xunta inicia a formación do persoal dos locais adheridos ao protocolo contra as violencias sexuais e lgtbifóbicas nos espazos de lecer nocturno

As sesións formativas teñen como obxectivo garantir aos representantes do sector e ao seu persoal as pautas de actuación necesarias para actuar ante calquera mostra de violencia nos seus establecementos

Haberá novas xornadas formativas para que todas as persoas interesadas e vencelladas co ocio nocturno teñan acceso a estes cursos, que se imparten en modalidade telemática e con horarios flexibles

A Xunta dá así resposta ao compromiso de ofrecer un programa de formación en liña de dez horas aos profesionais do ocio nocturno para que coñezan as manifestacións máis habituais das violencias sexuais e lgtbifóbicas e que poidan combatelas e incidir na súa prevención

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2024

A Xunta de Galicia vén de iniciar a formación do persoal responsable e do que traballa nos locais adheridos ao protocolo contra as violencias sexuais e lgtifóbicas nos espazos de lecer nocturno. O Goberno galego dá así resposta ao compromiso de ofrecer un programa de formación en liña de dez horas aos profesionais do ocio nocturno para que coñezan as manifestacións máis habituais das violencias sexuais e lgtbifóbicas e que poidan combatelas e incidir na súa prevención.

Nunha primeira quenda participaron 38 persoas, entre persoal traballador e directivo dos locais adheridos ao protocolo. Esta formación desenvolveuse entre os días 8 e 12 de abril e realizouse de xeito telemático para facilitar a maior participación. Nos vindeiros días haberá novas xornadas formativas, tamén en liña e en horario de mañá e tarde, para facilitar a conciliación laboral e que todo o persoal poida participar.

A adhesión ao protocolo -voluntaria para discotecas, salas de festas, pubs e cafés espectáculo- vai acompañada dun programa de formación en liña dirixido tanto ao equipo directivo dos establecementos como ao persoal de seguridade e sala, de barra ou doutro tipo.

No curso, de dez horas de duración, abórdanse cinco módulos temáticos acerca das formas de violencia contra a muller e contra as persoas LGTBI, a análise do contexto nos que se producen e a súa detección, as pautas de actuación ante casos de violencia sexual ou lgtbifóbica e como previr estes comportamentos a través da educación e da sensibilización da cidadanía.

Ao remate da formación, e superada a avaliación, o persoal dos espazos de lecer nocturno recibe un diploma acreditativo da formación recibida.

En xeral, a formación tivo unha boa acollida entre o persoal dos establecementos adheridos, que a valoraron de forma moi positiva entendendo que era moi necesario que todo o persoal que traballa no sector do ocio nocturno a realice.

Un modelo baseado na igualdade

O protocolo de actuación contra as violencias sexuais e lgtbifóbicas nos espazos de lecer nocturno incide na prevención e no tratamento de situacións de violencia detectadas nos locais de ocio e divertimento. Entre os seus principios de actuación prioriza a atención á vítima, a confidencialidade e a inmediatez. Tamén facilita que os establecementos adheridos ao mesmo desenvolvan iniciativas de prevención e sensibilización.

No eido da prevención búscase xerar un modelo festivo e de ocio nocturno baseado na igualdade e no respecto ás liberdades individuais e colectivas de todas as persoas, sen cargas sexistas nin discriminatorias na publicidade, na política de prezos ou nos accesos.

En canto á detección, bríndase aos profesionais pautas para recoñecer manifestacións violentas, ben relacionadas coa presenza de imaxes ofensivas no recinto como coa linguaxe sexista ou de contacto físico ou intimidatorio.

No referido ás pautas de actuación, fíxase a atención á vítima ante unha situación potencialmente perigosa. Actuar con calma, preservar a confidencialidade, acompañar ou informar dos recursos cos que conta a persoa agredida son algúns dos aspectos protocolizados polo documento.   

O obxectivo último do protocolo pasa pola prevención, a detección e a actuación ante situacións de violencia sexual e lgtbifóbica que supoñan unha ameaza para as mulleres e os colectivos LGTBI.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2024