A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado para a construción dunha senda na estrada autonómica PO-407 ao paso polo concello do Porriño

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio deste trámite, así como os bens, dereitos e propietarios afectados para executar esta actuación, que suporá un investimento de 425.000 €

Trátase de habilitar un itinerario de preto de 1 km pola marxe dereita desta vía, para a disposición dun novo espazo seguro para tránsito peonil e independente da calzada nunha zona con vivendas e de acceso ao colexio público Cruz de Budiño

A senda executarase no treito da vía entre os puntos quilométricos 0+130 e 1+020 cun ancho mínimo de 1,80 metros e bordo, agás nun punto onde existe unha estrutura

O proxecto inclúe actuacións complementarias de acondicionamento de paradas de autobús e a colocación de pavimento táctil nos vaos peonís

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024

A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado para executar unha senda peonil na estrada autonómica PO-407, no concello do Porriño.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio do inicio do trámite de información pública necesario para executar un itinerario de preto de 1 quilómetro de lonxitude na marxe dereita desta vía, que discorre integramente polo municipio e cun tráfico maioritariamente local, cunha importante funcionalidade ao contar con vivendas na súa traza e dar acceso a un equipamento educativo como o colexio público Cruz de Budiño.

A Xunta destinará un orzamento de 425.000 euros a estas obras que contribuirán á mellora de seguridade neste tramo, especialmente para os peóns.

O DOG tamén fai pública hoxe a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto: No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240419/AnuncioG0181-040424-0001_gl.html

En concreto, o proxecto que se somete hoxe a información pública consiste na construción dunha senda no treito da estrada PO-407 comprendido entre os puntos quilométricos 0+130 e 1+020, creando un espazo seguro para o tránsito peonil independente da calzada, xa que esta carece na actualidade dunha zona destinada á circulación dos peóns.

A intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta permitirá a execución dunha senda en formigón coloreado de ancho mínimo de 1,80 metros, agás na contorna do punto quilométrico 0+750, onde existe unha estrutura que fai que o ancho da senda oscile entre os 1,70 metros e os 90 centímetros.

De cara a facilitar a accesibilidade, nos vaos peonís previstos, colocarase pavimento táctil de botóns ou direccional, formado por baldosas de 30x30 centímetros sobre unha base de formigón. O pavimento táctil, indicador de advertencia ou proximidade a puntos de perigo, situarase nos extremos da senda para indicar o final da mesma, así como nas paradas de autobús ou nos pasos de peóns para advertir a posibilidade de cruzamento con seguridade.

As obras previstas inclúen melloras da seguridade adicionais, como o acondicionamento das paradas de autobús existentes nos puntos quilométricos 0+280 e 0+960. En ambos os casos acondicionarase e ampliarase a zona peonil, sinalizarase o refuxio e disporase de pavimentos que cumprirán as normativas vixentes de accesibilidade.

A intervención completarase con traballos adicionais de instalación dun prisma soterrado de telecomunicacións e iluminación, a mellora dos sistemas de drenaxe, a recolocación de contenedores de residuos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.

Cómpre lembrar que unha vez iniciado o trámite de información pública, coa publicación hoxe no DOG, o prazo para presentar alegacións será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.

A previsión da Xunta é aprobar definitivamente o proxecto no outono para poder realizar a convocatoria dos actos de levantamento das actas previas das expropiacións e licitar as obras no primeiro trimestre de 2025. O prazo para acometer os traballos é de 8 meses.

O Goberno galego segue a traballar no impulso de actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións nos municipios e favorecendo unha mobilidade máis cómoda, segura e sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2024