A Xunta reclama en Bruxelas recursos comunitarios e unha firme aposta pola formación para abordar con éxito o proceso de descarbonización no mundo do mar

Bruxelas (Bélxica), 19 de abril de 2024

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou este venres en Bruxelas nas xornadas de traballo da Energy Transition Partnership da UE centradas, nesta ocasión, nas habilidades precisas para abordar con éxito a transición enerxética no mundo do mar. Galicia acude a todos estes foros tanto para dar conta dos pasos que están a dar tanto a Xunta como os actores do sector marítimo-pesqueiro para avanzar na descarbonización da frota como para defender que este proceso debe realizarse dunha forma realista, asumible e contando co máximo apoio comunitario.

Unha vez se defina a nova tecnoloxía propulsora que substituirá aos motores de combustión, Antonio Basanta defendeu que Galicia, por ser líder europea en pesca e cultivos mariños, tamén será a zona de toda a Unión Europea que maiores recursos precise para realizar o tránsito. Unha das cuestións que dixo que están claras é que haberá que adecuar a formación a todas as tecnoloxías e sistemas que se van utilizar nesta transición enerxética. Son ámbitos, dixo, nos que se está xa traballando, buscando que a  súa evolución vaia en paralelo co fin de dotar ás tripulacións das habilidades necesarias. Defendeu tamén o traballo que, desde Galicia, se está a facer en todas estas áreas con aliados como a Fundación MarinnLeg, o clúster naval Aclunaga ou a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2024