A Xunta adxudica por case 330.000 € as obras da senda na estrada AC-424 no Couto, no concello de Ponteceso

A intervención comezará na segunda quincena de maio e terá un prazo de 3 meses

Habilitaranse algo máis de 600 metros de senda, dos que arredor de 400 discorrerán pola marxe dereita; e case 240 pola marxe esquerda, dando continuidade ao itinerario actual

As sendas irán paralelas ao eixe da estrada, cun ancho variable de arredor de 1,50 metros, agás en zonas puntuais na zona máis urbana con edificacións, onde terá 1,2 metros

Para incrementar a seguridade dos peóns limitarase aos 40 km/hora a velocidade na travesía e reforzarase a sinalización

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024

A Xunta vén de adxudicar por preto de 330.000 euros as obras da senda na estrada AC-424 no Couto, no concello de Ponteceso.

A intervención, adxudicada á empresa Construcciones Cernadas S.L., comezará a executarse na segunda quincena de maio e terá un prazo de 3 meses.

O itinerario desenvolverase por ambos os lados da estrada que vai de Ponteceso a Corme e permitirá dotar un traxecto peonil seguro e continuo ata a zona do Couto.

A nova senda terá máis de 600 metros de lonxitude: concretamente, pola marxe dereita executaranse arredor de 400 metros, desde o quilómetro 1+100 ata o 1+506. Neste caso, tras a información pública, decidiuse ampliar o itinerario ata o acceso á última vivenda situada na glorieta de Balarés. Pola marxe esquerda, a senda acadará os preto de 240 metros, desde o quilómetro 1+140 ao 1+378, dando continuidade ao itinerario actual.

A senda irá paralela ao eixe da estrada, cun ancho variable de arredor de 1,50 metros, agás en zonas puntuais na parte máis urbana onde, debido ás edificacións, o ancho se reducirá aos 1,2 metros.

Na intervención será preciso estreitar un pouco a estrada na travesía do Couto, reducíndoa de 7 a 6 metros, dado o escaso espazo dispoñible para a construción da senda, ao tratarse dunha zona moi edificada.  

Ademais realizaranse outras actuacións complementarias: de drenaxe, executando un colector baixo a senda peonil para recoller a auga da estrada, das beiravías e da propia senda; e tamén a construción de 4 muros de perpiaño de 1 metro de alto como máximo alí onde son precisos.  

A actuación completarase coa disposición da mellora do firme na zona de aparcadoiro e coa renovación da capa de rodaxe da estrada.

Tamén, e coa vista posta en reforzar a seguridade dos peóns, que son os usuarios máis vulnerables da estrada, ao finalizar os traballos, a velocidade de circulación nesa travesía limitarase aos 40 km/hora, reforzando ademais a sinalización no treito.

Data de actualización: 18/04/2024