O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou na Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria

A Xunta apela á colaboración entre administracións e á responsabilidade cidadá para conseguir reducir a mortalidade nas estradas galegas

Menéndez traslada a preocupación ante unha posible relaxación dos usuarios das estradas ante normas básicas de circulación como o uso do cinto de seguridade, así como polos grupos organizados en redes sociais para evitar controis de velocidade, alcohol ou drogas

As distraccións ao volante son a primeira causa concorrente nos sinistros por colisión frontal ou frontolateral que causaron no que vai de ano o falecemento de 20 persoas

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas continúa a desenvolver o Plan de seguridade viaria de Galicia con actuacións en todas as frontes

A Coruña, 17 de abril de 2024

A Xunta apelou hoxe á colaboración entre administracións e á responsabilidade cidadá para conseguir reducir a mortalidades nas estradas galegas, que rexistra no que vai de ano un repunte con respecto ao mesmo período de 2023. Así, entre o 1 de xaneiro e o 15 de abril de 2024 faleceron nas estradas de Galicia un total de 35 persoas, fronte ás 23 do mesmo período do pasado ano.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe na Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria, onde trasladou a preocupación do Goberno galego pola evolución dos sinistros.

No encontro, os representantes das diferentes administracións analizaron os datos de sinistralidade nas estradas, que amosa que o número de falecidos en accidentes de tráfico na comunidade autónoma no que vai de 2024 foron 35, o 20% consecuencia de atropelos e o máis do 37% causados por colisión frontal.

Francisco Menéndez expresou a preocupación da Xunta ante unha posible relaxación dos usuarios das estradas ante normas básicas de circulación como o uso do cinto de seguridade, así como polo aumento dos atropelos. Na reunión, ademais, expúxose por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, a problemática dos grupos organizados en redes sociais para evitar controis de velocidade, alcohol ou drogas, o que reduce a eficacia, entre os máis novos especialmente.

Así mesmo, manifestou a inquedanza por constatar que as distraccións ao volante son a primeira causa concorrente nos sinistros por colisión frontal ou frontolateral que causaron no que vai de ano o falecemento de 20 persoas.

Ante esta realidade, a Xunta vén de poñer en marcha unha nova campaña de concienciación en materia de seguridade viaria que, baixo o lema ‘Non deixes que a túa vida quede na estrada’, pon o foco nas consecuencias das condutas irresponsables ou as imprudencias ao volante.

A nova campaña de concienciación da Xunta forma parte do Plan de Seguridade Viaria 2022-2025 que e está a desenvolver a Xunta co obxectivo de acadar a “visión cero”, é dicir, reducir ao mínimo posible as vítimas de accidentes e acadar a meta final de cero vítimas por sinistros nas estradas.

Para acadar estes obxectivos, o director da Axencia Galega de Infraestruturas expuxo as distintas accións que a Xunta ten en marcha, e que abarcan todos os ámbitos que afectan á seguridade viaria.

No que se refire ás intervencións en marcha, a Xunta segue a avanzar no desenvolvemento da Estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes existentes na rede de estradas autonómicas: leva mobilizados preto de 15 M€ que permitiron reducir case 50 km de puntos negros nas estradas autonómicas, diminuíndo a accidentalidade en máis dun 60%. Agora está a avanzar na elaboración dunha nova Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes baseándose nos identificados no ano 2021.

Impúlsanse, ademais, obras específicas para a eliminación de obstáculos nas estradas que teñen como obxectivo conseguir “estradas que perdoan” os erros que se cometen e dan unha segunda oportunidade de volver á estrada e evitar sinistros. Unha iniciativa que se reforzará nos vindeiros anos a través dunha Estratexia de actuación nos treitos de alto potencial de mellora.

A Xunta segue tamén a apostar por unha mobilidade peonil e ciclista máis segura e sostible, coa construción de novas sendas, tres ter habilitado máis de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas nos últimos anos, cun investimento que supera os 50 M€, impulsando tamén grandes eixes de mobilidade nas contornas das cidades ao abeiro dos fondos Next Generation.

Ademais, tal e como vén facendo nos últimos anos, a Xunta continuará a traballar para manter os máis de 5.500 km de estradas de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, incrementando nun 8% o investimentos, ata destinar 53 M€ á súa conservación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2024