O incendio forestal en Crecente (Pontevedra) evoluciona favorablemente cara a súa estabilización

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unha superficie de máis de 50 hectáreas

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Angudes, supera as 50 hectáreas de superficie afectada, segundo as últimas estimacións provisionais. O lume, que continúa activo, empezou onte ás 19,57 h. en ata tres focos simultáneos, o que apunta á súa intencionalidade. Evoluciona favorablemente cara a súa estabilización.

Polo de agora, para o control deste incendio mobilizáronse, en conxunto, 1 técnico, 11 axentes, 21 brigadas, 6 motobombas, 2 pas, 2 avións e 2 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 16/04/2024