A Xunta culmina as obras da senda na estrada autonómica PO-551 entre A Moureira e Palmás, en Moaña, que supuxo un investimento de máis de 1,6 M€

Habilitouse unha senda peonil e ciclista, segura e accesible, pola marxe dereita da vía, de 1,7 km, desde a beirarrúa do núcleo de Meira ata a área recreativa da Cerradiña

A intervención enmárcase no Plan de sendas do Morrazo, co que se teñen executado máis de 8 km de itinerarios seguros e sostibles, cun investimento de máis de 5 M€

Esta actuación engádese á rematada nesta mesma estrada de eliminación dun treito de concentración de accidentes en Domaio, cun investimento de 572.000 €

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

A Xunta culminou as obras de construción da senda na estrada PO-551 entre A Moureira e Palmás, no concello de Moaña, tras un investimento de máis de 1,6 millóns de euros.

 

A intervención que se vén de rematar correspóndese coa nova senda peonil e ciclista, segura e accesible, pola marxe dereita da estrada, de 1,7 km de lonxitude, que vai desde a beirarrúa do final do núcleo de Meira ata conectar coa beirarrúa da área recreativa da Cerradiña.

 

Co fin de atender a solicitude da veciñanza e do Concello, ampliouse a lonxitude da senda respecto ao previsto inicialmente, ampliándose en 300 metros a lonxitude do itinerario para facilitar a mobilidade dos peóns que acceden á PO-551 desde Meira para conectar na parte final coas beirarrúas existentes.

 

O novo itinerario, na súa maior parte, é de formigón coloreado e está limitado exteriormente por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. Naqueles casos onde o espazo dispoñible é suficiente dispúxose tamén unha franxa vexetal axardinada entre a senda e a calzada.

 

O ancho do itinerario é variable, sendo como mínimo de 1,5 metros, e a franxa axardinada, nas zonas onde se dispón, é de 0,5 metros. Polo desnivel do terreo ao carón da estrada foi necesario executar máis de 300 metros da senda ampliando a plataforma da calzada cunha estrutura en voadizo.

 

Os traballos incluíron, ademais, o acondicionamento da marxe da estrada e a roza das áreas adxacentes á senda, coa fin de mellorar a paisaxe e favorecer o uso do novo itinerario.

 

Estas actuacións contaron coa financiación do Fondo REACT-UE.

 

Esta intervención enmárcase no Plan de sendas da comarca do Morrazo que a Xunta está a desenvolver nos distintos concellos e co que se teñen xa executado máis de 8 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe, cun investimento autonómico superior aos 5 M€.

 

Esta actuación de mellora da mobilidade e da seguridade viaria súmase ás obras rematadas nesta estrada en setembro do ano 2022, de eliminación dun treito de concentración de accidentes nesta estrada, en Domaio, que supuxeron un investimento de arredor de 570.000 euros.

 

Neste caso, actuouse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e o 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2024