A Xunta pon de relevo o emprendemento xuvenil como chave na dinamización da economía polo impacto social e sustentable dos seus proxectos

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na inauguración do 10º Encontro internacional de xoves emprendedores EIJE 2024 organizado pola Universidade de Santiago de Compostela

Situou a Rede de polos de emprendemento como mecanismo para captar talento mozo e xerar prácticas sustentables nas contornas rurais

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2024

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na inauguración da 10ª edición do Encontro internacional de xoves emprendedores EIJE 2024, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia, no que puxo en valor a importancia do emprendemento xuvenil polo seu impacto sustentable e social.  

Ardao lembrou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén un compromiso firme na creación dunha cultura emprendedora que aproveite o talento da mocidade. Por iso está a animar aos mozos a optar polo autoemprego a través da Rede de polos de emprendemento, que está a despregarse por toda a comunidade.

Tal e como resaltou Ardao, o emprendemento no rural xera emprego estable e de calidade, vencellado co territorio e promove prácticas sustentables co medio ambiente á vez que permite atraer investimentos e abrir novas liñas de financiamento.

O Goberno galego cre na iniciativa moza como clave na diversificación económica, para fortalecer a economía local, promover a sustentabilidade, o impacto social dos proxectos e mellorar a calidade de vida das contornas. Grazas a ela, a comunidade estase a nutrir das novas ideas e oportunidades relacionadas, entre outros ámbitos, coa tecnoloxía ou a economía verde.

A representante autonómica destacou a oportunidade do encontro internacional de hoxe, que exemplifica a irmandade entre proxectos desenvolvidos polas universidades e institutos politécnicos españois e portugueses e que está a contribuír a crear unha rede global de emprendedores novos, que comparten coñecementos e experiencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2024