A Xunta completa traballos preventivos en 40 hectáreas do distrito forestal III Santiago-Meseta interior para potenciar a defensa contra os lumes

As actuacións, levadas a cabo no primeiro trimestre de ano polo persoal do distrito, consistiron na roza mecanizada de 30 hectáreas de áreas cortalumes e faixas auxiliares de pistas e as 10 restantes correspóndense con roza manual

Ademais, tamén se acometeron tarefas de mellora en 40 puntos de auga e actuou en máis de 15 quilómetros de pistas

O pasado ano, neste distrito forestal actuouse sobre unha superficie de 180 hectáreas, das cales 103 se corresponderon con roza mecanizada en faixas auxiliares de pistas e 77 en áreas cortalumes

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, segue realizando traballos de prevención de incendios forestais ao longo de todo o territorio. Neste sentido, o persoal do Distrito Forestal III Santiago-Meseta Interior, na provincia da Coruña, vén de actuar ao longo do primeiro trimestre deste ano sobre 40 hectáreas a través de traballos de roza mecanizada -30 hectáreas- e manual -10 hectáreas- en áreas cortalumes e faixas auxiliares de pistas.

A maiores, o persoal deste distrito forestal tamén levou a cabo actuacións relacionadas con 40 puntos de auga e realizaron labores de mantemento en máis de 15 quilómetros de pistas forestais. Ademais, no que vai de ano, tamén participaron en seis accións divulgativas en centros escolares e grupos locais.

No pasado 2023, os traballadores deste distrito completaron a roza mecanizada de 180 hectáreas, das cales 103 se corresponderon con faixas auxiliares de pistas e as 77 restantes con áreas cortalumes. Ademais, actuaron con roza manual noutras 40 hectáreas en devasas e melloraron 300 puntos de auga. Tamén hai que sumar o mantemento de 24 quilómetros de pistas forestais e as 15 charlas divulgativas que realizaron tanto en centros escolares como en grupos locais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2024