Galicia amosa o seu compromiso cunha política da UE máis transparente e próxima á cidadanía

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo asistiu na comisión Civex do Comité Europeo das Rexións a un debate relativo á promoción da participación dos entes locais e rexionais no proceso lexislativo da UE

O Goberno galego amosou o seu apoio a un ditame que reivindica o papel das rexións e cidades nos labores de vixilancia, control e prevención do tráfico de drogas e a delincuencia organizada

Bruxelas, 10 de abril de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas na reunión número 22 da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais (Civex) do Comité Europeo das Rexións (CdR).

 

O tema máis destacado desta sesión foi a subsidariedade activa, é dicir, a promoción dunha maior implicación das entidades locais e rexionais no proceso de toma de decisións europeo, como principio fundamental para a mellora da lexislación da UE.  Aproveitando a celebración do 30º aniversario deste órgano consultivo e a súa coincidencia co ano de eleccións ao Parlamento Europeo, a Civex plantexou a cuestión de como aumentar a participación das autoridades locais e rexionais no proceso de elaboración e aplicación da lexislación europea de cara ao futuro.

 

Esta cuestión abordouse mediante a celebración dun debate e a aprobación dun ditame, centrados na definición de que papel debería asumir o CdR no próximo mandato institucional europeo e que instrumentos sería adecuado promover para garantir que a perspectiva local e rexional teña maior peso na elaboración dunha lexislación europea máis transparente, accesible e que teña en conta a diversidade dos diferentes territorios na UE.

 

Loita contra o tráfico de drogas e a delincuencia organizada

Nesta última comisión Civex tamén se someteu a votación un ditame sobre a folla de ruta proposta pola Comisión Europea para incrementar os esforzos contra o tráfico de sustancias ilícitas e as redes criminais na UE.

 

O texto aprobado, que se elaborou contando coas contribucións da Xunta ao documento de traballo previo, sinala a necesidade de garantir unha maior cooperación na mitigación deste tipo de actividades. Tamén fai énfase no fortalecemento no ámbito da prevención e a protección da mocidade.

 

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do Comité das Rexións

No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores. Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a reforzar a democracia europea. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2024